DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso que se celebra no campus do 5 ao 7 de xuño

Especialistas do eido xurídico e tecnolóxico dialogan sobre o impacto da intelixencia artificial nos dereitos fundamentais

Nel abórdase desde a protección de menores á discriminación algorítmica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 05/06/2024

Desde este mércores e ata o venres, celébrase na Facultade de Dereito do campus de Ourense un curso no que especialistas dos eidos xurídico e tecnolóxico dialogan sobre o impacto que nos dereitos humanos ten e vai a ter o desenvolvemento imparable da intelixencia artificial. Nel abórdase temas diversos que abranguen desde a protección de menores á discriminación algorítmica.

A actividade leva por título Os dereitos fundamentais ante a intelixencia artificial: cuestións técnicas, éticas e xurídicas e constitúe a décima edición do Curso sobre dereitos humanos, sociedade e tecnoloxías da información, organizado desde a Facultade de Dereito e a Escola Superior de Enxeñaría Informática polas profesoras de Filosofía do Dereito Susana Álvarez e Ana Garriga. Na súa inauguración, Susana Álvarez, tamén decana da Facultade de Dereito, salientou que “nun momento histórico no que a tecnoloxía avanza a pasos axigantados”, a intersección entre os campos do dereito e da intelixencia artificial “sen dúbida ofrece numerosos desafíos e tamén oportunidades”, apostando por abordalos “con responsabilidade e desde o rigor académico” co obxectivo de garantir os dereitos fundamentais das persoas. Do mesmo xeito, Ana Garriga sinalou que a intelixencia artificial supón grandes vantaxes para o desenvolvemento en todo tipo de ámbitos pero ao mesmo tempo tamén “retos éticos e problemas xa documentados para os dereitos humanos”. Porén, afirmou, “non é un problema novo, existe desde que existe o tratamento automatizado de datos persoais. É unha fase máis na evolución tecnolóxica”.

Pola súa banda, Rosario García, directora do Centro de Estudios Políticos y Constitucionales, destacou na presentación do curso que “non pode ir o avance tecnolóxico por un lado e o dereito por outro” e apostou por “unha ollada plural” para abordar os retos que supón a IA e o cambio de paradigma que está traendo a todo tipo de ámbitos. Por último, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, coincidiu en subliñar que “son numerosos os desafíos, que xa non son futuros senón presentes, que deben ser abordados para garantir que o desenvolvemento e o uso desta tecnoloxía estean aliñados cos principios éticos e legais fundamentais”.

Das ferramentas ao seu uso

Tras a inauguración arrancou un programa que conta cunha ampla participación de profesorado da Universidade de Vigo, encabezada por Susana Álvarez e Ana Garriga e estando tamén Pedro Cuesta, Leandro Rodríguez e Daniel González. Completa o programa Mónica Areas, da Universidad de Alcalá, e Migle Laukyte, da Pompeu Fabra e do European Group on Ethics in Science and New Technologies. As sesións arrancaron cunha conferencia titulada Intelixencia artificial e sociedade: unha mirada particular aos menores. Nela o profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática Pedro Cuesta ofreceu unha panorámica das ferramentas de intelixencia artificial máis empregadas na actualidade, achegándose ao seu uso e interacción con elas e centrándose no eido académico. “Estas ferramentas estanse xeneralizando o iso supón novos desafíos de cara á docencia e á avaliación. Cada vez as usan máis os estudantes e ao final os docentes temos que prantexarnos novas metodoloxías que as integren. Non podemos negar a súa existencia e uso, debemos pensar en como integralas no noso modelo docente”, afirmou o relator.

Ao longo de tres días tamén se falará sobre os retos xurídicos da IA e a introdución ás redes neuronais e aprendizaxe profunda; da discriminación algorítmica desde o eido xurídico; dos dereitos humanos e a IA; da explicabilidade e transparencia algorítmica e da investigación en bioinformática e intelixencia artificial. O terceiro día de actividade desenvolverase a través do Campus Remoto da UVigo e nel abordaranse temas como a protección de datos na investigación e a protección dos menores no Regulamento Europeo de Servizos Dixitais.

Proxecto estatal

O curso enmárcase no proxecto Datatransco A conciliación do dereito á protección de datos co cumprimento polos poderes públicos do deber de transparencia e de loita contra a corrupción. Trátase dun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades a través da convocatoria de xeración de coñecemento 2021 no que participan membros das universidades de Vigo, Jaume I, Alcalá, Miguel Hernández, Oberta e Pablo de Olavide, completando o equipo de traballo especialistas de universidades de Bélxica, Italia e Francia. Igualmente, o curso realízase vinculado ao programa de doutoramento Xestión e Resolución de Conflitos. Menores, Familia e Xustiza Terapéutica da UVigo.