DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso que se celebra desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Especialistas de España, Portugal, Italia e Brasil analizan o pasado, presente e futuro da regulación en violencia sexual

As sesións continuarán os días 22, 25 e 29 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI 18/10/2021

O I Congreso Internacional de Violencia Sexual arrancou este luns a súa programación na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Na cita, dirixida polas profesoras da Universidade de Vigo Inés C. Iglesias Canle e María José Bravo Bosch, especialistas de España, Portugal, Italia e Brasil abordan a situación actual e perspectivas de futuro en regulación de violencia de xénero. A súa análise faise tendo tamén en conta a perspectiva histórica neste eido, concretamente os antecedentes da antiga Roma.

O congreso, que leva por título Violencia sexual: antecedentes romanos e regulación actual, continuará celebrándose os días 22, 25 e 29 de outubro e está organizado dentro das actividades do grupo de innovación docente Docentia et Mulier da Universidade de Vigo. Conta co apoio das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Dereito; do Consello Social, da Vicerreitoría de Investigación, da Unidade de Igualdade da UVigo e da Deputación de Ourense. A súa temática, indicaron as súas responsables na apertura, “está vinculada a liñas de investigación nas que traballamos desde hai moitos anos, centradas no tratamento do principio de igualdade e loxicamente en todas aquelas accións contra o mesmo, entre elas a violencia de xénero e a violencia sexual”.

O programa, indicou Inés C. Iglesias Canle, conta con “amplas e nutridas” sesións de exposición e debate. “Vamos a tratar contido vinculado á orixe, á regulación actual e á regulación previa da violencia sexual, tendo en conta a perspectiva do dereito comparado. Nos relatorios abóordase a situación actual na materia pero tamén as liñas de futuro das reformas en Brasil, Portugal, Italia e España”, comentou. O tratamento da regulación da violencia sexual, indicaron as directoras do evento, adquire nestes momentos un interese destacado pois, lembraron, a pasada semana foi referendado no Congreso dos Deputados o proxecto de Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual e está en trámite o anteproxecto de Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, dous documentos que tamén serán abordados ao longo do congreso.

Primeiro, mirar o pasado

As sesións, que se retransmiten de xeito telemático, arrancaron este luns cunha conferencia de María José Bravo Bosch sobre a violencia sexual na antiga Roma e no dereito actual. Nela explicou “como foi a consideración do patriarcado romano con respecto á posición da muller”. Neste senso sinalou que as mulleres non eran “invisibilizadas” senón que “xuridicamente contaban, pero contaban para sometelas ao patriarcado: tiñan que ser virtuosas e tiñan que ser respectables para ser consideradas e protexidas no mundo romano”. As mulleres na antiga Roma, afirmou a profesora da UVigo, “estaban sometidas, aínda que se comparamos a súa situación coa situación das mulleres nesa mesma época histórica noutras civilizacións, estaban moito mellor”. En todo caso, recalcou, “a cuestión é que non se trata de estar mellor, trátase de que a violencia sexual, física ou psicolóxica, non pode existir”.

Segundo explicou María José Bravo Bosch, “todas as tradicións, todas as épocas históricas do dereito romano, coincidiron con situacións de violencia sexual contra as mulleres”, lembrado o papel do rapto das Sabinas na fundación de Roma ou a violación de Lucrecia e o paso da monarquía á república. No seu repaso pola antiga Roma, a profesora da UVigo detívose a falar da consideración da prostitución nela. O dereito romano, dixo, non só condenaba a quen exercía a prostitución senón que no século VI pasa a condenarse tamén o lenocinio, é dicir, ao proxeneta e ao cómplices que lle axudan, sendo considerados tamén autores do mesmo delito. “Isto é algo moi adiantado”, recalcou.  Neste senso subliñou a idea central deste I Congreso Internacional de Violencia Sexual de que é posible “conectar” o dereito romano co dereito actual. “Pódese aprender que moitas das cousas que se fixeron na antigüidade desgraciadamente se repiten no presente. No tema da prostitución, por exemplo, non adiantamos nada”, afirmou Bravo Bosch.

Problemáticas moi diversas

Á intervención de María José Bravo Bosch seguíronlle outras como a de Pasquale Bronzo, catedrático de Dereito Procesual da Universidade de Roma La Sapienza, que falou da situación xurídica da violencia de xénero en Italia, e a de Antonio Villanueva, da Universidade de Vigo, sobre a regulación actual da identidade e orientacións sexuais. Pola súa banda, Inés C. Iglesias Canle, foi a encargada nesta primeira sesión de abordar a problemática da proba de violencia sexual, “da complicación que moitas veces leva consigo unha serie de delitos que teñen lugar no ámbito da intimidade, onde o agresor procúrase a impunidade buscando lugares apartados e sen testemuñas”. Nestes casos, sinalou, “moitas veces a vítima é a única que ten a información, a que pode achegar proba sobre o proceso a partir da súa declaración”. Neste punto, lembrou como interveñen “os requisitos que esixe a xurisprudencia para dar validez á declaración da vítima”. “Non é tanto un problema de proba, que tamén o é, senón da regulación penal vixente”, afirmou.

Tras este arranque, as sesións continuarán os vindeiros días 22, 25 e 29 analizando o tratamento xurídico e psicosocial das medidas de protección e sanción das condutas sexuais a partir do seu tratamento nos tratados e convenios internacionais e na normativa nacional de distintos estados da UE e doutros países iberoamericanos, achegándose a temas como as novas (ciber)violencias sexuais en adolescentes, a tutela da vítima na “era covid”, o perfil criminolóxico do agresor, a xustiza restaurativa en Portugal e a experiencia forense na avaliación do abuso sexual.