DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia organizada polo grupo Gen da Universidade de Vigo

Especialistas internacionais afondan no equilibrio entre servizos sanitarios e gasto público

A cita celébrase este mércores e xoves en Santiago de Compostela

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Ourense 23/10/2019

Unha vintena de especialistas europeos en economía da saúde reúnense este mércores e xoves na sede do Consello Económico e Social, en Santiago de Compostela, nunha conferencia internacional sobre gasto público sanitario organizada polo grupo de investigación GEN (Governance and Economics Research Network), que ten a súa sede na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Segundo explican en nota de prensa desde a entidade organizadora, a cita conta coa asistencia de investigadores e investigadoras de Francia, Portugal e Reino Unido pero tamén de especialistas de universidades estatais, como a Pompeu Fabra, Cantabria e Palmas de Gran Canarias e das tres universidades galegas. A actividade, indican, está coordinada por Santiago Lago, director do grupo Gen e catedrático da Universidade de Vigo; e polos tamén membros de Gen David Cantarero, da Universidad de Cantabria, e Berta Rivera, da Universidade da Coruña.

Buscando a sostibilidade

“A tarefa deste grupo de expertos céntrase na análise dos principais impulsores das tendencias futuras no gasto de saúde, a fin de arroxar luz sobre como conseguir compatibilizar unha oferta de servizos sanitarios de calidade e a sostibilidade financeira das administracións públicas”, indican desde Gen. Para acadalo, engaden, “os investigadores desenvolven unha proxección de diversos escenarios posibles debuxados a partir da evolución de variables como a demografía, o xénero, os avances tecnolóxicos, factores económicos, ambientais e sociais”. Trátase, sinalan, de, a partir dos cambios destes factores, avanzar na previsión de futuro do gasto e o consecuente deseño de políticas sanitarias en Europa.

O encontro, indican desde a organización, forma parte do proxecto europeo Fresher (H2020), un consorcio que reúne a unha decena de institucións e no que participan máis de 40 investigadores e investigadoras, entre eles investigadores do Grupo Gen e da Universidad de Cantabria presentes na cita que se celebra estes días en Santiago de Compostela.