DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas xornadas internacionais da CJS, que se celebrarán na Vicerreitoría do 2 ao 4 de decembro

Especialistas de oito países porán en relación a obra de Saramago cos “desafíos do noso tempo”

O evento acollerá tamén a presentación dunha rede de cátedras galego-lusófonas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Internacional
  • Lingua Galega
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/11/2019

Investigadores e investigadoras de España, Portugal, Alemaña, Arxentina, Brasil, Israel, Italia, México e Portugal porán en relación a obra e o pensamento de José Saramago cos “desafíos do noso tempo”, na cuarta edición das xornadas internacionais da cátedra que a Universidade de Vigo dedica ao escritor portugués. Entre o vindeiro luns 2 de decembro e o mércores 4, a Vicerreitoría do campus será a sede das IV Xornadas Internacionais da Cátedra José Saramago (CJS), que porán o foco no labor do Nobel portugués “como activista político, como defensor incansable dos dereitos humanos, do ecoloxismo, da igualdade dos xéneros, das culturas minorizadas...”, segundo explica o director da cátedra, o profesor Burghard Baltrusch. Este evento servirá así mesmo de escenario para a presentación de Ricagal, a Rede Internacional de Cátedra Galego-Lusófonas que, baixo a coordinación da CJS, reúne as seis cátedras Saramago existentes no mundo, xunto con catro cátedras do Instituto Camões, dous grupos de investigación e outra serie de entidades.

Promovidas coa colaboración da Vicerreitoría do campus e baixo o título de Saramago e os desafíos do noso tempo, estas xornadas contarán coas intervencións de 26 investigadores de oito países nas súas catro mesas de debate e catro sesións de presentación de comunicacións. Nese senso, entre os obxectivos das xornadas figura analizar, desde unha perspectiva multidisciplinar, como a obra de Saramago pode contribuír “en termos filosóficos, políticos, estéticos, poéticos e de recepción” á abordaxe de diferentes problemáticas sociais, poñendo en relación a súa obra e pensamento coa ecoloxía, coa “ética económica, a relación entre utopía e distopía ou o machismo e as relacións de poder”, así como abordar o propio “lugar de Saramago na historia das ideas”, sinalan os seus responsables.

O lanzamento dunha rede internacional

A apertura das xornadas suporá tamén o lanzamento de Ricagal, rede que reúne as cátedras Saramago das universidades de Vigo, Granada, Autónoma de Barcelona, Università degli studi Roma Tre, Autónoma de México e a Nacional de Córdoba (Arxentina). Da rede formarán parte tamén as cátedras Mário Cesariny, da Universitat de les Illes Balears; Solange Parvaux, da Université Sorbonne Nouvelle París 3; Sophia de Mello Breyner Andersen, da Universidade Católica Portuguesa do Porto, e Fernando Pessoa, da Universidad de los Andes. Completan Ricagal o Center for Portuguese Studies da University of California, o grupo de investigación EHum2M da Universidade do Minho; o grupo de estudos sobre o romance da Universidade Federal Rural do Semi-Árido brasileira, a rede da GaliLusofonía, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e a asociación cultural e pedagóxica Ponte...nas Ondas! Todas elas, entidades “internacionais e con actividades transfronteirizas”, lembra Baltrusch, que sinala que varios dos e as súas responsables serán tamén protagonistas das diferentes mesas. 

Concretamente, na xornada do luns, o evento acollerá unha primeira mesa de debate coa participación do director da Fundação José Saramago, Sérgio Letria, e os responsables das cátedras Saramago da Autonóma de México, Susana González, e Autónoma de Barcelona, Jordi Cerdá. Esta primeira xornada, que abrirá unha conferencia do escritor e activista Grian A. Cutanda, representante en España do movemento internacional Extinction Rebellion, completarase cunha mesa sobre o papel de Galicia no mundo lusófono, coas intervencións de Gonzalo Constenla, da Rede de GaliLusofonía; Daniel González Palau, director do Igadi, e Santiago Veloso, de Ponte... nas Ondas! Xa o martes, terá lugar unha mesa sobre filosofía e política en Saramago, na que intervirán Miguel Koleff, da cátedra Saramago de Córdoba; Egídia Souto, da Cátedra Solange Parvaux; Lourdes Pereira, da Cátedra Mário Cesariny, e Orlando Grossegesse, do grupo EHum2M. Ese mesmo día, unha cuarta mesa proporá novas lecturas da obra deste escritor, da man de Giorgio de Marchis, da cátedra Saramago de Roma; e José Rui Teixeira, da Cátedra Sophia de Mello Breyner Andersen.

Teatro e curtametraxes

O programa das xornadas compleméntase, por outra banda, coa representación teatral, o luns ás 20.00 horas no IES Valle-Inclán, de 3991: paisaxe sen horizonte, un espectáculo creado por Vanesa Sotelo e Davide González e interpretado polo grupo EuExperimento, que ten como punto de partida o libro O ano de 1993. Ao día seguinte, a Vicerreitoría acollerá, ás 11.00 horas, a estrea das curtas A Desforra e O Embargo, realizadas, a partir dos contos homónimos de Saramago, por alumnado da Facultade de Belas Artes.
 

Programa das xornadas