DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto Iberphenol celebrou en Ourense un congreso sobre esta temática

Especialistas de sete países afondan nos últimos avances científicos en compostos fenólicos

Presentáronse varios estudos sobre potenciais beneficios para a saúde do aceite de oliva galego

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 02/10/2019

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración do I Congreso Ibérico de Compostos Fenólicos,  organizado polo Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo. A cita reuniu aos grupos de referencia na investigación sobre compostos fenólicos de España e Portugal e a arredor de 100 investigadores e investigadoras de sete países e contou con 50 comunicacións sobre os últimos avances neste eido, entre eles estudos iniciais sobre os potenciais beneficios para a saúde de compostos fenólicos das variedades galegas de aceite de oliva virxe.

A actividade tivo lugar no marco do proxecto Iberphenol, dotado en total con arredor de dous millóns de euros e nado ao abeiro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020. O congreso reuniu aos investigadores e investigadoras dos grupos que participan en Iberphenol e que pertencen ás universidades de Vigo, Salamanca, Valladolid, Tras-os-Montes e Alto Douro, Coimbra e Porto; ao Instituto Politécnico de Bragança e á Bodega Matarromera. Elas e eles foron os encargados de debater sobre os compostos fenólicos, compostos naturais presentes nos alimentos con actividade biolóxica, que teñen propiedades saudables e que poden interferir no proceso de determinadas enfermidades, como poden ser a diabetes ou o cancro.

Dous anos de traballo

Na inauguración da cita, Elena Rivo, comisionada de Coordinación Institucional da Universidade de Vigo, salientou a importancia deste tipo de eventos para “reforzar as relacións” e crear “sinerxías, que son moi importantes tanto desde o punto de vista académico como investigador”. Mario Guimaraes, coordinador Poctep-CCDR Norte, destacou como para o seu organismo Iberphenol é “un proxecto emblemático”, recalcando entre outros factores o feito de que “contribúe a crear relacións de proximidade entre o Norte de Portugal e Galicia”. Pola súa banda, Xosé Lago, coordinador Poctep da Xunta de Galicia, indicou como esta iniciativa é “un proxecto especialmente interesante pola súa temática, pola súa aplicación” e por implicar nel non só a universidades senón tamén á empresa.

María Teresa Escribano, coordinadora do proxecto desde a Universidad de Salamanca, salientou como Iberphenol naceu en novembro de 2019 co reto de “mellorar a excelencia científica do espazo de cooperación transfronteirizo España-Portugal no ámbito dos polifenois”. Neste contexto, o congreso, indicou, pretende “dar a coñecer e pór en común os resultados das investigacións levadas a cabo nas liñas prioritarias deste proxecto”, reunindo a case un centenar de participantes procedentes de “España, Portugal, Italia e de dous países de África e América do Sur”. A falta duns meses para o remate do proxecto, a súa coordinadora subliñou como se ten acadado o obxectivo principal de crear unha rede transfronteiriza no ámbito do estudo dos polifenois, “principalmente en dúas grandes liñas de actuación: unha delas relacionada coa calidade dos alimentos en base á súa composición fenólica (propiedades conservantes, colorantes e de adstrinxencia) e outra relacionada coa saúde, coa biodispoñiblidade e o efecto fisiolóxico que poidan ter estes compostos”. No marco destas liñas, apuntou Escribano, arredor de 40 investigadoras e investigadores están a participar en Iberphenol en proxectos colaborativos que foron expostos este mércores no campus de Ourense.

Saúde e aceite de oliva galego

Entre as 50 comunicacións presentadas estiveron as das investigadoras da Universidade de Vigo e coordinadoras do congreso Patricia Reboredo e María Figueiredo, nas que expuxeron estudos realizados no marco do seu grupo de investigación. Reboredo expuxo un traballo sobre o papel de compostos fenólicos e cancro de mama. “O aceite de oliva virxe extra obtido a partir de variedades galegas autóctonas, debido ao seu alto contido en compostos fenólicos, pode ser un bo axente nutracéutico para avalialo nun modelo in vitro usando liñas celulares de cancro de mama”, comentou a investigadora. O tratamento con distintas concentracións do extracto fenólico do aceite de oliva virxe extra Brava na liña celular MCF-7 de cancro de mama, detallou, “provoca unha diminución da viabilidade celular, un incremento na produción intracelular de especies de osíxeno reactivo, así como unha modulación da expresión dos xenes involucrados nos dous tipos de morte celular estudados, apoptose e autofaxia, nunha forma dose-dependente”. Á súa vez, engadiu, o extracto fenólico do aceite de oliva virxe extra Brava produce unha redución nas dúas vías de produción de enerxía da célula. “Estes resultados apuntan a posibles beneficios para a saúde, considerando os aceites de oliva virxe extra galegos posibles candidatos para o desenvolvemento de alimentos nutracéuticos ou funcionais”, afirmou Patricia Reboredo.

Pola súa banda, María Figueiredo abordou na súa comunicación unha avaliación do potencial neuroprotector e antidiabético de extractos ricos en compostos fenólicos de aceites de oliva galegos. “Os resultados da nosa investigación conclúen que extractos ricos en compostos fenólicos do aceite de oliva elaborado a partir das variedades galegas poden inhibir encimas involucradas en enfermidades neurodexenerativas tales como alzhéimer, párkinson e depresión”, afirmou a investigadora. “Somos conscientes de que a inhibición dunha encima non implica a prevención dun trastorno, pero os resultados, a pesar de ser moi preliminares, poderían interpretarse como unha terapia complementaria efectiva para actuar, nun futuro, sobre un ou máis trazos patolóxicos destas enfermidades. Hai que seguir traballando e xerando resultados nesta liña”, recalcou María Figueiredo.

Sobre saúde e compostos fenólicos tamén falou na conferencia inaugural do congreso “un referente internacional” neste eido como é Francisco A. Tomás Barberán, que afondou nas interaccións dos polifenois coas bacterias intestinais e as súas implicacións sobre a saúde humana. “Investigacións epidemiolóxicas indican que os hábitos alimentarios con inxestas diarias elevadas de polifenois diminúen o risco de enfermidades crónicas e particularmente as cardiometabólicas. Con todo, avaliar os efectos de polifenois específicos en ensaios clínicos aleatorizados segue sendo difícil xa que os tratamentos son efectivos para algúns voluntarios e non afectan a outros, o que leva un resultado global estatisticamente non significativo”, subliñou o experto. Para comprender esta variabilidade interindividual, detallou, “nós, así como outros científicos, lanzamos fai case 20 anos a hipótese de que, debido á limitada biodispoñibilidade destes polifenois, estes chegan ao colon onde interactúan coa microbiota intestinal residente que modulan estes compostos, e as bacterias intestinais convértenos en metabolitos que se absorben mellor e que teñen efectos biolóxicos relevantes”.