DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Medio cento de persoas participaron este venres na xa tradicional carreira popular

O espírito deportivo e solidario anima as celebracións de Santa Bárbara

Durante o evento fíxose unha recollida de alimentos que serán doados a comedores sociais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI 29/11/2019

A Escola de Enxeñaría da Enerxía e de Minas celebra estes días a súa patroa, Santa Bárbara, e faino non só coa organización de múltiples actividades culturais, senón tamén con deporte e solidariedade. Este venres a mediodía foi a quenda nas instalacións deportivas do campus da súa xa tradicional carreira popular, unha cita na que participaron arredor de medio cento de persoas, tanto alumnas e alumnos do centro, como persoal docente e investigador e de administración e servizos, incluída a propia directora da escola, Elena Alonso.

Animados polo bo tempo, antes de comezar a carreira o alumnado da escola participou nunha procesión con gaiteiro e tamborileiro na que pasearon  a Santa Barbie, unha maqueta adaptada para a ocasión polo propio estudantado e, unha vez iniciada a carreira, as e os participantes dérono todo nunha cita na que o que menos importaba eran os resultados deportivos, senón gozar do día e reunir entre todos un bo número de alimentos non perecedoiros que serán doados a comedores sociais de Vigo. 

A xornada, organizada pola Delegación de Alumnado, rematou no pavillón universitario coa entrega de trofeos, incluídos os dos diferentes torneos deportivos que se disputaron onte xoves e que incluíron, entre outros, fútbol sala, baloncesto e voleibol.

Para a vindeira semana: entregas de premios e concerto de De Vacas

Dentro dos actos de celebración da patroa, o centro acollerá o vindeiro martes e mércores diferentes actividades. O martes o programa comezará co relatorio Apuntes sobre a transición enerxética en España, impartido por Juan José Fernández Díaz, decano do Colegio de Ingenieros de Minas del NW, Coimme. A continuación, ás 12.45 horas, terá lugar a sesión informativa Saídas profesionais na enxeñaría de minas. A profesión regulada de enxeñeiro/a de minas, impartida tamén por Juan José Fernández Díaz. Para concluír, ás 13.00 horas, o Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste de España fará entrega do I Premio ao mellor expediente de acceso ao Máster universitario en Enxeñaría de Minas desde o Grao en Enxeñaría da Enerxía e do I Premio ao mellor expediente de acceso ao Máster universitario en Enxeñaría de Minas desde o Grao en Enxeñaría dos Recursos Enerxéticos e Mineiros.

O mércores día 4 o centro acollerá este xoves no seu vestíbulo principal o acto de entrega ás categorías sénior e júnior dos Premios do concurso de fotografía Enfoca.RME e, xa pola tarde, terá lugar no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria do concerto do grupo galego De Vacas.