DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe entregáronse os galardóns dos I Xogos Intercentros 

O espírito “intercentro” ten premio 

Unha iniciativa das delegacións de Bioloxía, Química, CC do Mar e EE de Minas de Enerxía 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 16/03/2022

320 alumnas e alumnos das facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar, Química e da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía participaron na primeira edición dos Xogos Intercentros, unha iniciativa das delegacións de alumnado deses catro centros, creada co obxectivo de “achegar actividades lúdicas comúns entre as distintas facultades e fomentar o ambiente deportivo universitario, facendo participar ao alumnado en algo que non fose unicamente relacionado co estudo, pois a Universidade é moito máis que estudar e as clases, é unha oportunidade de crear novas amizades e probar novas actividades”, explican desde as delegacións de alumnado organizadoras do evento.

Das oito modalidades deportivas elixidas: voleibol, concurso de triplos, baloncesto 3X3, tenis de mesa e atletismo 100m, 200m e remudas, o fútbol 7 foi a que máis participación acadou nesta primeira edición dos Xogos Intercentro, que contaron para a súa realización coa colaboración da Área de Benestar e Deportes e co patrocinio de Frutas Nieves, Coca-Cola e o Consello Social da UVigo.

Premio ao ambiente ‘intercentro’

Este mediodía na entrada da EE de Minas de Enerxía tivo o lugar o acto de entrega de premios ás persoas gañadoras dos xogos. Lonxe de darlle importancia a que centro acadou máis recoñecementos, as delegacións de alumnado remarcan que “o noso obxectivo non era o da competición dun centro contra outro, pois podía xogar xuntos nun mesmo equipo xente de diferentes facultades, senón brindar un conxunto de actividades lúdicas nas que se puidese afianzar a relación entre alumnado de carreiras distintas e crear ambiente ‘intercentro’. A única diferenza entre facultades era a cor da camisola que lle dábamos”. 

Para as e os integrantes das delegacións de alumnado das facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar, Química e da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía o balance desta primeira edición do Xogos Intercentros foi “positivo, aínda que nos gustaría maior participación”, sinalan. Sobre a posibilidade de repetir a experiencia o próximo ano, as e os organizadores explican que aínda non o teñen claro, “pero é probable que se repita ou se faga outra actividade similar”, avanzan.