DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xuristas de España, Italia e Portugal analizan nunhas xornadas as particularidades destes dereitos

Estado de alarma, excepción e sitio. Cando, como e por que?

Roberto Blanco Valdés afondou nos problemas que xurdiron no caso español arredor destas cuestións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 23/10/2020

Estado de alarma, limitacións á mobilidade, toque de queda, militarización do orde público, peches perimetrais… A actualidade política e social vén marcada desde o pasado mes de marzo por termos de carácter xurídico dos que non sempre se coñece ben o seu significado e o alcance que poden chegar a ter. Conscientes desta realidade a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizou para este venres, a través do Campus Remoto da UVigo, unha Xornada de Internacionalización coa que darlle a oportunidade ao seu alumnado de pórse ao día sobre todas as particularidades do denominado Dereito de excepción, tanto en España como en dous dos seus países veciños: Portugal e Italia. 

Dirixidas pola profesora da Área de Dereito Constitucional Noemi García Gestoso e coa participación de máis de medio cento de persoas matriculadas, as xornadas contaron coa intervención de tres recoñecidos xuristas. O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Roberto Blanco Valdés analizou os problemas que xurdiron en España tras o decreto do estado de alarma o pasado mes de marzo, mentres que o caso italiano foi exposto por Sabrina Ragone, profesora da Universidade de Boloña e investigadora do Instituto Max Planck de Dereito Público Comparado e Internacional de Heidelberg, e o de Portugal por Luisa Neto, docente da Universidade do Porto e asesora en diferentes organismos, entre eles, o propio goberno de Portugal. 

Ante situacións de emerxencia, dereito de excepción 

“O dereito de excepción, en sentido amplo, é aquel que se pode adoptar conforme o previsto nas Constitucións e nas Leis que o desenvolven, en situacións de emerxencia política, económica ou social, isto é, en situacións de anormalidade constitucional, co fin de que os poderes públicos dispoñan dos medios para facer fronte a estas situacións e restablecer a normalidade canto antes”, explicou na presentación da xornada a profesora García Gestoso. Pode tratarse, segundo foi explicando a docente, de situacións de crises internacionais nas relacións entre países que ameazan a súa soberanía como unha guerra ou, crises internas orixinadas por feitos de moi diversa índole, ben de orixe natural, tales como graves inundacións ou incendios; de carácter social, incluíndo crises sanitarias ou desabastecemento masivo de produtos de primeira necesidade, ou de tipo político, desde crisis de orde pública a rebelións internas. 

A posta en marcha deste dereito supón a entrada en vigor dunha orde xurídica distinta do que existe nunha situación de normalidade, substituíndoo mentres dure a situación que o orixina. Xeralmente conleva un reforzamento dos poderes do executivo para facer fronte a situacións excepcionais, que se estima non poden resolverse sen adoptar medidas extraordinarias. Estas medidas poden conlevar, segundo foron expondo os relatores, a limitación ou suspensión de determinados dereitos fundamentais na medida e durante o tempo necesario para restablecer a normalidade. Os Parlamentos interveñen autorizando a declaración dos devanditos estados nos supostos máis graves e para impedir un uso polo executivo desproporcionado e exento de control do aumento dos seus poderes.

Do estado de alarma ao de sitio

En España o Dereito de excepción está regulado no artigo 116 da Constitución, en conexión co artigo 55.1,  que permite a suspensión xeral de determinados dereitos fundamentais limitada temporalmente na declaración dos estados de sitio e de excepción, pero non define os supostos que poden dar lugar á declaración dos distintos estados de excepción, remitindo á Lei Orgánica 4/1981, do 1 de xuño, dos estados de alarma, excepción e sitio, ( LOEAES)-.   

O estado de alarma, o menos grave, será declarado polo goberno por un prazo máximo de 15 días e para prorrogalo é necesario a autorización do Congreso dos Deputados; o estado de excepción é tamén decretado polo Consello de Ministros pero ten que ser previamente autorizado polo Congreso dos Deputados e, finalmente, o estado de sitio ten que ser declarado pola maioría do Congreso dos Deputados a proposta exclusiva do goberno. O estado de alarma está pensado para casos de catástrofes ou desgrazas públicas, tipo terremotos, inundacións ou crises sanitarias; o de excepción para alteracións graves do orde público, e o de sitio cando se produza ou ameace producirse unha insurrección ou acto de forza contra a soberanía ou a independencia de España ou a súa integridade territorial.

Blanco Valdés alerta das “deficiencias” que existen en España sobre a regulación deste dereito

O catedrático da USC Roberto Blanco Valdés afondou na súa intervención nos problemas que se están formulando na actualidade en relación coa aplicación do Dereito de excepción en España e que “poñen de relevo as deficiencias da regulación constitucional que existen no noso país”. Segundo foi explicando, a partir do día 14 de marzo, cando se declarou o primeiro estado de alarma, xurdiron diferentes problemas motivados, sobre todo, porque existe unha clara contradición entre as previsións do artigo 116 e as do art.55, que establece taxativamente que só se poden suspender os dereitos fundamentais recollidos neste propio artigo –entre os que está a liberdade de circulación e o dereito de reunión- cando se declare o estado de sitio ou de excepción, non cando se declare o estado de alarma. “Non obstante, como a lei orgánica dispón que no caso de que se produza unha grave pandemia o estado que procede declarar é o estado de alarma o que se produciu é unha situación na que se restrinxiron dereitos a través  do estado de alarma, e non como di a Constitución a través do estado de excepción ou de sitio”, explicou o catedrático compostelán.

“É certo que a Constitución fala de suspensión e en España non se produciu isto en estrito senso, pois incluso no período máis duro de confinamento o dereito de liberdade de circulación e de reunión non estaban suspendidos, senón restrinxidos. O problema é delimitar cando unha restrición equivale á suspensión”, subliñou o experto, quen non considera viable decretar un posible toque de queda sen a declaración previa de estado de alarma.