DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pilar Rico (Fecyt) ofreceu unha conferencia en Miralles na que abordou estas cuestións

Como están a mudar as políticas de open Science e o open acess a forma de facer ciencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 04/03/2020

Modifican os procesos de financiamento, execución, comunicación e avaliación da ciencia, ademais de aumentar a transparencia e reproductibilidade da actividade investigadora. Nestes aspectos modificaron as políticas de open Science o xeito tradicional de facer ciencia, un cambio que se iniciou no ano 2015 co nacemento de “un concepto que abrangue o acceso aberto a publicacións científicas e datos de investigación, a promoción da ciencia cidadá, o deseño de novas formas de medir o mérito investigador con indicadores complementarios aos baseados en citas, os recursos educativos en aberto e o software libre”, explica Pilar Rico Castro, xefa da Unidad de Acceso Abierto, Repositorios y Revistas da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt). Rico ofreceu este mércores unha conferencia na sala I do edificio Miralles na que, baixo o título Políticas de acceso abierto y ciencia abierta a nivel europeo. Qué, cömo, dónde y cuándo cumplir con los nuevos mandatos, abordou os mandatos de acceso aberto, tanto en España, como en Europa, así como as obrigas que se impoñen ás persoas beneficiarias de proxectos de I+D da Agencia Estatal de Investigación e de Horizon 2020, e como cumprir con estas novas obrigas, tanto no referido a publicacións científicas como a datos de investigación. 

No relatorio, organizado pola Vicerreitoría de Investigación co gallo das novas políticas europeas en investigación e innovación que marcan como obxectivo a ciencia e a innovación aberta, Pilar Rico, tamén abordou o alcance e significado de open Science, ademais do xeito de utilizar axeitadamente os conceptos de open access e open Science á hora de elaborar propostas para H2020.

Na procura dunha correcta coordinación 

Ante un público conformado maioritariamente por persoal investigador e xestores de proxectos, “que son os que teñen que facer fronte a un novo marco normativo no que se refire a obtención de financiamento e comunicación de resultados de investigación”, Pilar Rico foi presentada pola vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que destacou o seu traballo como coordinadora dos servizos de avaliación de revistas científicas e monografías do Fecyt. Así mesmo, Rico encárgase da coordinación do agregador nacional de repositorios de acceso aberto a Recoleta e do apoio ao Ministerio no deseño e implementación das políticas nacional e europea de acceso aberto e open Science, ademais de ser a National Open Desk de España (NOAD) dentro de OpenAIRE.

Rico asegura que actualmente estamos nun momento de transición no que cómpre traballar para que todos os elementos do sistema nacional de ciencia e tecnoloxía estean correctamente coordinados. “Os cambios de paradigma traen consigo incerteza debido ao cambio nas regras do xogo. Desde a Fecyt traballamos en estreita colaboración co Ministerio de Ciencia e Innovación para definir unha visión da nova política á que acompañen destrezas, incentivos, recursos e un plan de acción”, sinala a xefa da Unidad de Acceso Abierto, Repositorios y Revistas da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt), que asegura que se están a dar pasos de xeito paulatino para minimizar os impactos negativos.