DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É responsable do seu computador de a bordo

O estudante de doutoramento Marco Casanova participa na creación do satélite EarthCARE

A nave foi lanzada con éxito na madrugada do mércores polas axencias espaciais de Europa e Xapón

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 31/05/2024

Na madrugada do mércores lanzouse con éxito desde a base espacial de Vandenberg, en California, Estados Unidos, o satélite EarthCARE. Trátase dunha misión da Axencia Espacial Europea e a súa homóloga xaponesa (JAXA) destinada a estudar como as nubes e os aerosois afectan ao clima do planeta Terra. Entre o equipo que participou na primeira liña deste proxecto está Marco Casanova, egresado da primeira promoción da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e alumno de doutoramento da UVigo. El foi o responsable do computador de a bordo de EarthCARE.   

A súa participación nesta misión forma parte do seu traballo como enxeñeiro de operacións espaciais no Centro de Operacións Espaciais da Axencia Espacial Europea, na cidade de Darmstadt, en Alemaña. Tras rematar o Grao de Enxeñaría Aeroespacial, a súa vinculación coa Universidade de Vigo continúa actualmente como investigador non permanente do seu Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e realizando a súa tese de doutoramento no Programa de Tecnoloxía Aeroespacial, baixo a dirección dos profesores Fermín Navarro (atlanTTic) e de Daniele Tommasini.

EarthCARE (Earth Cloud Aerosol and Radiation Explorer) é un proxecto conxunto das citadas axencias espaciais europea e xaponesa co que se quere avanzar no coñecemento científico arredor do clima nun contexto de preocupación por el. O satélite examinará o papel que desempeñan as nubes e aerosois no reflexo da radiación solar cara o espazo así como en atrapar a radiación infravermella emitida desde a superficie terrestre. A nave foi deseñada e construída por un consorcio de máis de 75 empresas baixo a dirección de Airbus como contratista principal e coa colaboración de numerosos centros de investigación de Europa e Xapón.