Na primeira participación neste campionato deste alumno de Ciencias da Educación e do Deporte
O estudante Mateo Rodríguez logra un histórico sétimo posto no mundial júnior de orientación
Estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Mateo Rodríguez afronta ao longo desta semana a súa primeira participación no Campionato do Mundo Júnior de Orientación a Pé, no que acadaba nas últimas horas o sétimo posto na proba de modalidade sprint, na que participaron 173 atletas de 38 países. Rodríguez rematou a proba, que se disputa nun circuíto urbano, a 24 segundos do gañador, o suízo Matthieu Buehrer, e a só tres segundos de obter un diploma, logrando o terceiro mellor resultado acadado ata a data por un deportista español de categoría masculina, só superado polos acadadas por Andreu Blanes e Pablo Ferrando en 2011 e 2022, respectivamente. De aí que a Federación Galega de Orientación destacase que este alumno do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte fixo “historia tanto para orientación galega como para a orientación nacional” co seu resultado nesta proba.
No seu primeiro curso como estudante da UVigo, Rodríguez foi unha das tres persoas seleccionadas na convocatoria de axudas para apoiar a deportistas universitarios de elite na preparación de competicións internacionais oficiais impulsada pola Universidade e afrontaba a tempada co principal reto de lograr a súa clasificación para o mundial que nestes días se está a disputar na República Checa. Alén de que a propia participación nesta competición, explicaba, supuña xa un “fito importante na miña carreira deportiva”, Rodríguez acudía ao mundial coas expectativas postas principalmente nesta distancia sprint, na que rematara décimo no europeo de Hungría de 2022. Tras este resultado, o deportista do club Aromon participará tamén nestes días nas competicións de longa e media distancia do mundial dunha modalidade deportiva na que as e os participantes deben completar un percorrido cronometrado seguindo unha serie de puntos, chamados balizas ou controis, axudados por un mapa ou compás.