DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Carolina Dos Santos Driesner é estudante do grao en enfermaría no campus de Pontevedra 

Unha estudante da UVigo acada unha das dúas bolsas do programa Santander Equality 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Mª del Camen Echevarría DUVI 18/06/2020

A estudante de primeiro curso do grao en enfermaría do campus de Pontevedra Ana Carolina Dos Santos Driesner é unha das dúas beneficiarias do programa de bolsas Santander Equality, unha iniciativa que este ano botou a andar, impulsado polo grupo Santander, co obxectivo de ofrecer a mulleres cun bo expediente académico e poucos recursos económicos a posibilidade de realizar os seus estudos universitarios de grao nunha universidade adherida á Conferencia de Rectores de Universidades Española (Crue). “Suponme unha grande axuda para sufragar os gastos asociados á universidade e asegúrame que poderei continuar coa carreira e tamén supón unha recompensa polo meu esforzo académico”, explica Ana Carolina, que tamén considera esta iniciativa moi interesante para promover a igualdade de oportunidades “xa que é como un incentivo para que as mulleres cursemos estudos superiores”, sinala a estudante nacida en Cascavel (Brasil).

Nesta primeira convocatoria ofrecíanse dúas bolsas salario a nivel nacional de 5000 euros ao ano, durante dous, para mulleres matriculadas no primeiro curso de grao, cun bo expediente académico e  beneficiarias dunha bolsa MEC no curso 2019/2020. “Ademais debían contar cunha nota media de Bacharelato ou estudos equivalentes igual ou superior a 6 puntos sobre 10”, sinala Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da UVigo, que tamén destaca que as dúas beneficiarias da bolsa disporán dunha mentora individual acorde coas súas necesidades coa que traballar para explorar as súas oportunidades profesionais e desenvolver as súas habilidades. Para Doval resulta moi positivo que unha estudante da Universidade de Vigo acadase unha das dúas bolsas “pois facilítalle a realización dos estudos na UVigo a mulleres cun bo expediente e beneficiarias dunha bolsa do Ministerio de Educación, co obxectivo de acompañalas no seu desenvolvemento académico, facilitándolle a realización dos seus estudos durante os dous primeiros anos de grao”.

Chegar a ser unha boa enfermeira 

Despois de conseguir esta bolsa, “da que non oíra falar ata que ma enviou ou meu tío e ao ver que cumpría os requisitos decidín presentarme”, explica Ana Carolina Dos Santos, a estudante céntrase en rematar un curso marcado pola pandemia da covid-19, unha circunstancia da que a bolseira fai unha dobre lectura. “Por unha banda, supuxo o peche das clases presenciais e decepcionoume o feito de perder todas as prácticas que teríamos nunha situación normal. Por outra banda, reafirmoume en que elixira ben a carreira a estudar, xa que enfermeiras e enfermeiros desenvolveron un papel moi importante atendendo ao enfermos de covid-19”, explica a estudante, que afirma con rotundidade sobre as súas aspiracións profesionais que “me gustaría chegara ser una boa enfermeira, xa que me encanta axudar ás persoas”.