DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha campaña e da exposición que nestes días pode verse en Belas Artes

Estudantes de CCSS e da Comunicación colaboran con Amnistía Internacional na proxección dos dereitos humanos

O luns terá lugar unha lectura pública da declaración na Vicerreitoría

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
DUVI Pontevedra 04/12/2019

Planificar, executar e avaliar unha campaña solidaria é un dos proxectos que o alumnado do grao en Publicidade e Relacións Públicas debe desenvolver no marco da materia Comunicación solidaria, que imparte o profesor e decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde. Foi precisamente esta proposta a que levou a tres estudantes desta facultade a colaborar nas últimas semanas co grupo local de Amnistía Internacional, deseñando unha campaña para redes sociais que dedicaba cada xornada a un dos dereitos recollidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Do mesmo xeito, estes tres estudantes, Ana Noguerol, María Pulgar e Javier Lobato, colaboraron tamén co grupo local desta ONG para achegar ao campus unha exposición que busca dar visibilidade a estes dereitos a través dunha serie de carteis, que nestes días pode contemplarse na Facultade de Belas Artes, tras pasar previamente por CCSS e da Comunicación.

“De momento, os resultados están a ser óptimos”, recoñece Noguerol dunha iniciativa que lles levou en primeiro termo a pór en marcha contas do grupo local de Amnistía Internacional en Instagram e Facebook. “Os perfís chegan cada vez a máis xente”, recoñece esta alumna dunha campaña informativa que puxeron en marcha “coa intención de crear conciencia”. Nese mesmo senso, o coordinador do grupo de Pontevedra desta organización, Jaime Iglesias, salienta que “foi unha experiencia moi satisfactoria, que nos demostra a apertura da facultade á sociedade”. 

Exposición en Belas Artes

A campaña promovida por estes tres estudantes arrincou o pasado 10 de outubro en redes sociais e completouse coa exposición composta por 19 carteis que durante dúas semanas permaneceu na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para trasladarse este luns á Facultade de Belas Artes, onde permanecerá ata o vindeiro luns 9, xornada na que Amnistía Internacional celebrará, na sede da Vicerreitoría do campus, unha lectura pública da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. 30 persoas, representantes de diferentes entidades e asociacións, así como os propios alumnos protagonistas desta campaña, darán lectura aos diferentes artigos desta declaración neste acto aberto ao público e programado para as 20.00 horas. Promovido polo grupo local de Amnistía Internacional, o acto completarase, explican os estudantes, coa recollida de sinaturas para a campaña #Xóganse a vida, que Amnistía Internacional puxo en marcha para recordar a situación dos defensores e defensoras dos dereitos humanos.