DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Somos Cultura’ estrea este mércores en Youtube a súa primeira entrega

Estudantes de Comunicación Audiovisual abordan nun programa televisivo os efectos da covid-19 no sector cultural

Reúnen os testemuños de profesionais da música, o audiovisual e as artes escénicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 02/12/2020

Afondar nos efectos que a crise provocada pola covid-19 está a ter nas industrias culturais galegas e dar a coñecer como os diferentes axentes do sector “tratan de sobrevivir e evolucionar nunha contorna tan hostil”. Estes son, como sinalan os seus responsables, os principais obxectivos de Somos Cultura, un serie de programas televisivos realizados por alumnado do grao en Comunicación Audiovisual que, a partires deste mércores, difundirán a través de Youtube. O proxecto, no que participan 18 alumnos e alumnas, insírese nas actividades da materia Guión, Produción e Realización, que imparte o profesor Paulino Pérez e ten como obxectivo enfrontar ao estudantado á realización “dun programa de televisión, cun formato tipo magazine”, que, sinala, á súa vez, permítalles afondar na situación “dun sector que neste momento o está pasando mal e que ademais é tamén o seu, o da cultura”.

Coa colaboración, como presentadora, da titulada en Comunicación Audiovisual, reporteira televisiva e cantante Fátima Pego, Somos Cultura estrea este mércores ás 20.00 horas o primeiro dos seus tres programas. Nel, abordan a situación que, neste contexto de crise sanitaria, atravesan as orquestras, as salas de concertos, o sector audiovisual e a danza. A actriz Raquel Meleiro; o cantante e responsable da Orquestra Panorama; Lito Garrido; a produtora audiovisual e docente Beli Martínez ou os responsables da sala de concertos La Fábrica de Chocolate e da escola de danza MediaPunta de Vigo son algúns dos protagonistas deste primeiro programa. 

Voces experimentadas e novos profesionais

O cineasta e ex-alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Oliver Laxe e o cómico Brais Doval figuran entre os entrevistados e entrevistadas dos próximos programas de Somos Cultura, espazo polo que está previsto que pasen compositores, cantantes, grupos musicais, estudos de gravación, actrices e actores, responsables de escenografía ou profesionais da dobraxe. O obxectivo, explica a responsable de realización Marta García, é coñecer “todos os puntos de vista” respecto de que está acontecer nun momento no que “por culpa desta crise estanse deixando de lado todos os escenarios culturais”, dar visibilidade á situación na que se atopan as e os profesionais e abordar tamén "as solucións que foron adoptando”. Con esa idea, as diferentes reportaxes combinarán entrevistas tanto de "profesionais recoñecidos, cunha traxectoria detrás, como de xente que acaba de empezar”. Nese senso, o director deste espazo, Iago Rodríguez, destaca como un dos aspectos máis positivos deste traballo a “oportunidade que supón para darlle unha plataforma a xente que o está pasando francamente mal pero que non adoita saír nos medios, que é algo que fainos sentir bastante realizados”. 

Seis equipos, cinco bloques

Os 18 alumnos e alumnas que levan a cabo este proxecto, divídense, como explica Pérez, en seis grupos de tres persoas. Cinco deles, responsabilízanse de cada un dos cinco bloques que integran o programa, música, audiovisual, eventos culturais, outras manifestacións culturais e teatro, bloque este último que, sinala, non foi posible incluír no programa deste mércores. “Ao mesmo tempo, eles fan tamén subgrupos de edición, infografía, redes... para ir dándolle forma ao programa”, completando o equipo de traballo un grupo de dirección, integrado por Iago Rodríguez como director, Marta García como realizadora e Daniel Porteiro como produtor.

“Desde o punto de vista académico, dános a posibilidade de ver como funciona a televisión, de coñecer como se levan a cabo este tipo de programas”, sinala Rodríguez, ao que Porteiro engade que se trata dun proxecto que "sumar ao currículo", de contidos “que poderemos ensinar o día de mañá cando esteamos buscando traballo”. Con esa idea, engade Pérez, “tratamos sempre de facer entrevistas presenciais, para que poidan practicar” o que, recoñece este docente, “foi bastante complicado” dada a situación sanitaria e os peches perimetrais. “Tivemos que saber adaptarnos”, sinalan as e os responsables de Somos Cultura que, nalgúns dos casos, tiveron que recorrer tamén a entrevistas por videochamada. No actual contexto, “contactar coa xente supuxo a dificultade máis grande”, recoñece García, ao que Rodríguez engade a dificultade que implicaba traballar “con grupos máis reducidos, nos que son só tres persoas realizando toda a reportaxe, aínda que por sorte non houbo demasiados problemas”. 

Trala estrea, esta tarde, do primeiro programa, o seu propósito é difundir nas próximas semanas dúas entregas máis deste programa. Ao mesmo tempo, explica Pérez, “a idea que temos é publicar a vindeira semana algunhas das entrevistas que compoñen a reportaxe de maneira independente” e cunha maior extensión.