DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obtiveron o premio ao mellor equipo e ao mellor orador de toda a competición

Estudantes de enxeñaría da UVigo gañan a liga nacional de debate LEDU STEM

Santiago Janeiro, da EE de Telecomunicación, e Guillermo Fernández, da EE Industrial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 20/05/2022

Premio ao mellor equipo e premio ao mellor orador. Os estudantes da Universidade de Vigo Santiago Janeiro, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Guillermo Fernández, de Enxeñería Industrial, acaban de facerse co primeiro premio da liga de debate LEDU STEM Cátedras Telefónica, unha competición organizada pola Liga Española de Debate Universitario (LEDU) e a Red de Cátedras Telefónica para fomentar as habilidades dialécticas no alumando das carreiras STEM (Science, Technology, Engineering e Mathematics). Participaron 18 universidades de toda España –todas con Cátedra Telefónica- e a gran final disputouse entre o equipo vigués e o da Universidad Carlos III. Foi esta mesma mañá no Innovation Center de Telefónica en Madrid, onde ambos equipos despregaron o mellor da súa oratoria arredor da pregunta Crearemos un mundo mellor co metaverso?

O equipo da Universidade de Vigo revalida así o bo papel desempeñado na primeira edición da liga, en 2021, cando xa quedaran finalistas. Dese equipo tamén formaba parte Guillermo Fernández, estudante do Grao en Enxeñaría Electrónica, Industrial e Automática, para quen este é o segundo ano que chega á final da competición. Nesta ocasión compartiu escenario con Santiago Janeiro, estudante de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, a quen o xurado lle outorgou o galardón de mellor orador de toda a competición. “Por fin puidemos quitar a espiña do ano pasado e, persoalmente, era un dos obxectivos que me marcara este ano, polo que conseguilo é un soño cumprido”, salienta Fernández.

“Gañar este premio é culminar o traballo de todo un ano”

Tanto Guillermo como Santiago, os dous integrantes do equipo gañador, son membros e formadores da asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo, unha iniciativa que naceu na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en 2017 e que, en apenas cinco anos, conseguiu expandirse ao resto de escolas e facultades do campus. “Para nós gañar este premio é culminar o traballo de todo un ano da Asociación Retórica”, explica Santiago Janeiro, clasificado mellor orador de toda a competición. “Para min este premio é un orgullo enorme, por todo o que representa e por todo o traballo que fixemos na asociación”, explica Janeiro, quen admite que a temática desta edición, o metaverso, non era doada. “Ao ser algo do futuro non hai moita documentación, polo que conseguir fontes fiables é bastante difícil”, explica o gañador, quen tamén apunta que o nivel, “tanto da final como da semifinal, foi bastante alto”.

Como equipo gañador os dous estudantes da UVigo obteñen, ademais do seu correspondente trofeo, unha praza para participar na fase final da Liga Española de Debate Universitario (LEDU), que enfronta aos 16 mellores equipos do territorio nacional. Será do 30 de setembro ao 2 de outubro en Zaragoza e haberá dous premios: 6000 euros para o equipo gañador e 3000 para o segundo clasificado. “Temos un grande equipo e penso que podemos competir perfectamente, de feito na anterior edición Guillermo xa fora elixido mellor orador dese torneo”, salientou Janeiro, subliñando “o gran nivel da canteira da UVigo”.

Competición en liña e final presencial en Madrid

Tras unha intensa competición, que se desenvolveu en liña do 13 ao 15 de maio, a gran final celebrouse de xeito presencial e contou coa participación de Antonio Bengoa, director de Relacións Institucionais de Telefónica España, que foi o encargado de entregar o trofeo; Trinidad Jiménez, directora de Estratexia Global de Asuntos Públicos, e Alfonso Rodríguez de Sadia, director xeral da Liga Española de Debate Universitario. 

A través deste torneo, pioneiro en España, Telefónica e a LEDU fomentan e impulsan as coñecidas como habilidades soft ou blandas que implican desenvolver competencias en argumentación, intelixencia emocional e empatía, manexo do tempo e o estrés, traballo en equipo, espírito crítico e innovador, creatividade, resolución de problemas... e, en xeral, todas as capacidades que permiten combinar a eficacia e a efectividade e que son moi apreciadas polas empresas.

Novo impulso para a asociación de debate Retórica da UVigo

A Asociación de Debate Retórica da Universidade de Vigo, da forman parte estes estudantes, centra a súa actividade en dar formación práctica e teórica en oratoria baseándose nos modelos de debate universitario máis instaurados en España: o modelo académico e o BP (British Parliament). Trátase de axudar ao alumnado universitario, non só do ámbito TIC, a adquirir as habilidades necesarias para defender e expor con argumentos claros e concisos as súas ideas, ben sexa na vida persoal, na académica ou na profesional. “Agora mesmo somos xa 17 estudantes de diferentes centros, temos xente de Administración e Dirección de Empresas, de Dereito, de Tradución e Interpretación... e, por suposto, das enxeñarías”, recalca Janeiro.