DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso promovido pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns da Consellería de Sanidade

Estudantes de Fisioterapia fórmase na detección precoz da violencia machista

O obxectivo da actividade era sensibilizalos do papel que poden xogar como futuros profesionais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Saúde
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 06/02/2020

As e os profesionais da medicina e enfermaría de atención primaria, matronas e fisioterapeutas son “pezas clave no sistema sanitario” para a detección precoz de casos de violencia machista, como explicou este xoves na Facultade de Fisioterapia a subdirectora de Enfermaría da Área Sanitaria de Vigo, Mar de la Peña. Co propósito de proporcionar aos futuros e futuras profesionais da fisioterapia unha formación inicial sobre violencia de xénero e sensibilizalos do papel que poden xogar en materia de detección precoz, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia organizou este xoves neste centro o curso Atención a mulleres en situación de violencia de xénero.

Con 75 inscritos e inscritas, trátase dunha actividade formativa que a Escola Galega de Saúde para Cidadáns da Consellería de Sanidade promove en diferentes facultades e escolas vinculadas ao ámbito sanitario. “O noso obxectivo é primeiro sensibilizar a todas as persoas que no seu día van comezar a traballar como profesionais da saúde para que sexan capaces de detectar mulleres en situación de violencia de xénero, porque sabemos que hai moitísimos casos que están infradiagnosticados”, explicou De la Peña Cristiá. A responsable deste curso estivo acompañada na súa presentación pola decana de Fisioterapia, Eva María Lantarón, que destacou que se trata dunha actividade “moi interesante” para os futuros e futuras profesionais e amosou a súa satisfacción polo feito de que esta fose a edición do curso, como explicou De la Peña, con maior presenza de alumnos, e constatar así “que homes e mulleres estamos todos interesados na detección da violencia de xénero e de prestar a mellor atención a todas as mulleres que poidan sufrila”. 

Lesións en zonas menos visibles

No inicio dun seminario que abordou tamén a repercusión da violencia machista na saúde das mulleres e menores e as cifras que dan conta da magnitude desta lacra social, De la Peña lembrou que a violencia de xénero “sempre ocorreu, pero durante moitos anos estivo silenciada” e puxo o acento en que os asasinatos machistas son só “a punta do iceberg”. Nese senso, sinalou que “inicialmente” as agresións físicas prodúcense en moitas ocasións en zonas do corpo menos visibles. “Cando a violencia física aumenta no tempo, dáse cada vez con maior intensidade e cada vez son maiores as agresións, pero nas fases iniciais o agresor sempre busca zonas que non se vexan”, explicou. Así, as e os fisioterapeutas poderán atoparse durante unha terapia con hematomas en zonas como os antebrazos ou as costelas, ao igual que “lesións osteoarticulares producidas por traumatismos” sufridos repetidamente. Nese senso, determinadas lesións non observables a simple vista “e que determinados profesionais van poder detectar” fan que o labor das e dos fisioterapeutas teña especial relevancia á hora de "detectar moito antes situacións deste tipo".

Parte dunha rede

Xunto a saber detectar posibles casos, nun labor que debe ser “diario”, as e os profesionais da fisioterapia deben tamén “saber derivalos”, recalcou De la Peña. Con ese obxectivo, abordou tamén co alumnado o protocolo común para a actuación sanitaria ante a violencia de xénero e os recursos que as mulleres afectadas teñen a súa disposición. “Nunha rede todos somos necesarios e importantes, unha vez que se detecta en caso hai que poñer en marcha toda a rede sanitaria, de protección, de recursos...”, salientou a subdirectora da Área de Enfermaría, que lembrou que entre as vítimas de violencia machista “poden darse tres situacións”, a da muller que “sabe a ciencia certa que está sufrindo violencia de xénero”, aquela que “dubida” e aquela que “non sabe que a está padecendo, que cre que iso que lle pasa é normal”. Nese senso, De la Peña puxo o acento en que contribuír á detección destas situacións é tamén unha “responsabilidade” dos e das profesionais sanitarios, á que ademais, lembrou, lles obriga tanto a lei estatal de violencia de xénero de 2004 como a autonómica de 2007.