DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación do grupo NF1, dirixido por M.Battino, e investigadores chineses e italianos

Un estudo internacional confirma que o resveratrol inhibe a proliferación de células de melanoma modulando o ciclo celular

A pel da uva negra ten a maior concentración do composto vexetal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Saúde
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 17/06/2019

O resveratrol (RSV), un composto de orixe vexetal que acada a súa maior concentración na pel da uva negra e en froitos vermellos como o amorodo, o arando ou a amora, inhibe a proliferación de células de melanoma modulando o ciclo celular. Esta é unha das conclusións do artigo Resveratrol inhibits the proliferation of melanoma cells by modulating cell cycle publicado polo International Journal of Food Sciences and Nutrition e en cuxa elaboración participou un grupo de investigadora e investigadores das universidades de Vigo, da Politecnica delle Marche (Italia) e da Guangdong Medical University, onde se localiza un dos centros de estudo sobre melanomas máis importantes de China.

O estudo internacional demostrou que o RSV inhibe fortemente a proliferación de células de melanoma A375, ao diminuír a viabilidade celular, promover a apoptose e deter o ciclo celular; uns efectos, nos que o factor duración do tratamento de resveratrol é comparativamente máis importante que o factor concentración do composto mesmo. “Nun principio o artigo era máis amplo e trataba de dúas liñas celulares: A375 y A431, pero os datos eran moitas e podían xerar un pouco de confusión, polo que os avaliadores nos pediron separar o contido e centrarnos só nas A375”, explica Maurizio Battino, director do Grupo de Nutrición e Ciencia Alimentaria NF1 da Universidade de Vigo, que aínda que con anterioridade a este estudo xa traballara co RSV, nunca o tivo no centro da súa atención e investigación, dedicando máis interese a outros compostos bioactivos.

Estudos previos para descubrir os mecanismos que afectan á proliferación tumoral 

En relación ao posible tratamento en vivo e en pacientes, o investigador italiano indica que aínda é cedo para plantearse unha aplicación directa. “Trátase de estudos previos para descubrir cales son os mecanismos efectivos que poden afectar á proliferación tumoral para, nun futuro, desenvolver estratexias (por exemplo, fármacos con características similares)”, explica Battino, que asegura, que de momento, no hai ningunha evidencia de que o consumo de resveratrol, en calquera forma: pastillas ou comendo os alimentos que conteñen este composto, poda ser efectivo no tratamento do melanoma.

Hui-Zhi Yang, Jiaojiao Zhang, Jie Zeng, Shengbo Liu, Fei Zhou, Fang Zhang, Francesca Giampieri, Danila Cianciosi, Tamara Y. Forbes, Johura Ansary, Emilio Gil y Rong Yi Chen, son xunto a Maurizo Battino as autoras e autores do artigo publicado no International Journal of Food and Sciences and Nutrition.“É o primeiro traballo que facemos sobre el resveratrol (RSV) e a gran primeira colaboración coa Guangdong Medical University e esperamos que sexa a base para máis estudos e o desenvolvemento de colaboracións moi proveitosas”, explica o director do Grupo de Nutrición e Ciencia Alimentaria NF1, Maurizio Battino.