DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa elaboración participarán especialistas da Universidade de Vigo

Un estudo pioneiro detectará os espazos urbanos percibidos como inseguros polas mulleres en Ourense

O seu obxectivo é previr situacións de risco

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 25/02/2019

O Concello de Ourense elaborará un estudo pioneiro no ámbito estatal para detectar os espazos urbanos percibidos como inseguros polas mulleres no que participarán especialistas da Universidade de Vigo. O seu obxectivo será “detectar as necesidades das mulleres respecto ao uso de espazos públicos e para elaborar ferramentas que permitan que o uso destes non sexa limitativo por cuestión de xénero”, segundo explican en nota de prensa desde a entidade municipal.

O estudo foi presentado este luns nun acto no que a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, explicou como o traballo será realizado polo concello en colaboración coa consultora Rizoma Social, formada por expertas e expertos da Universidade de Vigo e nos ámbitos sanitario e sociolóxico. A iniciativa está enmarcada no terceiro Plan de Igualdade do Concello de Ourense e que quere dar resposta ao seu punto dez, no que se avoga por promover a igualdade nos espazos públicos da cidade. Sofía Godoy destacou a orixinalidade dun proxecto que aposta por “adoptar unha perspectiva de muller tras escoitar ás interesadas, que teña en consideración que existe unha distribución dos espazos urbanos en clara desigualdade de xénero” e co obxectivo de “previr situacións de risco en zonas públicas que non deberían supoñelo”. “O noso deber é tomar medidas. Tamén perseguir a igualdade no deseño dos espazos públicos e na corrección dos xa deseñados”, comentou a concelleira.

Metodoloxía do estudo

A antropóloga da Universidade de Vigo Fátima Braña incidiu na presentación en que este estudo pretende dar resposta a catro puntos fundamentais, que son detectar as necesidades da poboación feminina respecto o uso do espazo público na cidade e determinar se existen zonas inseguras e elaborar ferramentas de prevención para que o uso destes espazos non sexa limitativo por cuestión de xénero. Tamén analizará os factores que contribúen á percepción do medo por parte das mulleres e establecerá recomendacións dirixidas a potenciar a súa autonomía e empoderamento.

Braña Rey expuxo a metodoloxía a seguir no proxecto, que inclúe realizar enquisas a entidades e asociacións de mulleres “para ter datos de primeira man para realizar un diagnóstico de como perciben a situación”. A continuación, indicou, estableceranse grupos de discusión para coñecer como perciben as mulleres da cidade o espazo urbano e tamén se realizarán entrevistas con mulleres en situación de vulnerabilidade. O proxecto completarase cun proceso de observación participante, que consiste nunha observación directa sobre o terreo, barrio por barrio escoitando as inquedanzas de mulleres e veciños. A elaboración do informe terá un prazo inicial de execución de cinco meses, período de tempo que Braña Rey destacou como o necesario para redactar o informe das conclusións e para ofrecer un conxunto de recomendacións dirixidas á autonomía e uso igualitario dos espazos públicos de Ourense.