DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de medio centenar de expositores participarán en Foresgal

A EUET Forestal amosará os seus proxectos na principal feira do sector en Galicia

Do 28 ao 30 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 13/03/2008

Foresgal que comezou como unha modesta mostra do sector forestal na nosa comunidade, cada vez adquire maior importancia e xa é recoñecida como a Feira Forestal de Galicia que aglutina ás principais industrias e profesionais que traballan nos montes galegos e do norte de Portugal. Como non podería ser de outra maneira, a Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal participará nesta iniciativa cunha caseta propia co obxectivo de “dar a coñecer o centro e de amosar os traballos que se están a desenvolver nas diferentes áreas”, explicou o encargado da organización do evento, José Cancelas.
En 16 metros cadrados o centro do campus de Pontevedra facilitará información aos visitantes sobre a titulación de Enxeñaría Técnica Forestal, así como as saídas profesionais que existen para os diplomados na carreira. Por outra banda, a escola aproveitará a ocasión para promover os proxectos que desde alí se están realizando, como os do Laboratorio de Análise de Biomasa ou do Laboratorio de Sistemas de Información Xeográfica. Algúns dos traballos máis destacados que se presentarán na feira son os de peletizado para caldeiras de combustión ou o proxecto para a Xunta de Galicia mediante o cal “se converteron a formato dixital todas as concentracións parcelarias da provincia e agora se está calculando a superficie que hai”, comentou José Cancelas.
A última fin de semana de marzo será cando o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acollerá a máis de medio centenar de expositores en este evento esencial para a nosa comunidade, que amosa as principais novidades dentro dos sectores forestal, medioambiental e madeireiro de Galicia.

Actividades programadas

Lonxe de ser unha feira ao uso, na que o público visita os diferentes postos das empresas colaboradoras, Foresgal ofrece aos asistentes unha ampla variedade de actividades. Visitas a industrias, demostracións, mesas de debate, relatorios, xogos populares e obradoiros son algunhas das propostas que darán contido a II Feira Forestal de Galicia.
Dentro do programa, as xornadas técnicas e as visitas guiadas están englobadas dentro do chamado Congreso Forestal, no que os estudantes da escola do campus de Pontevedra poderán obter un crédito de libre configuración pola asistencia ao mesmo.
O prezo de inscrición é de 10 euros por persoa e poderán apuntarse na web www.foresgal.com ou na propia mostra no caso de que non se cubriran as prazas.