DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura recibiu o voto favorable dos dez participantes na Xunta de Facultade

Eva Lantarón, reelixida por unanimidade decana de Fisioterapia

No equipo continúan as docentes Mercedes Soto e Rocío Abalo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 29/06/2021

Cos votos favorables dos dez integrantes da Xunta de Facultade que participaron nunha votación que se levou a cabo de xeito virtual, a profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Eva María Lantarón foi reelixida este martes decana de Fisioterapia. A docente, que continuará tres anos máis á fronte do centro do campus pontevedrés, concorreu ao proceso electoral cunha candidatura que completaban as profesoras Mercedes Soto e Rocío Abalo, que xa foran vicedecana e secretaria académica, respectivamente, no anterior mandato. "Con ilusión" recibía Lantarón este apoio unánime da Xunta de Facultade, na que participaron dez dos seus 16 membros, situando como principal reto desta nova etapa a posta en marcha dun mestrado propio no centro.

“Aínda que foron complicados polas circunstancias, realmente estes tres últimos anos foron ao mesmo tempo gratificantes, porque houbo moita sintonía entre o persoal da facultade e remamos todos no mesmo sentido”, salienta Lantarón deste “voto de confianza, que nos anima a continuar traballando”. A docente, que en 2018 fora elixida decana con dez votos a favor e dúas abstencións tras unha primeira etapa á fronte da facultade entre 2013 e 2016, lembra que nestes últimos tres anos acometeron a reforma do plan de estudos do grao, xa implantada no presente curso e que implicou “unha modificación das materias optativas, adaptándoas ás necesidades do mercado laboral”. Do mesmo xeito, neste período tamén inciaron o proceso para a creación dun mestrado, que levou a que o pasado mes de abril o Consello de Goberno aprobase a declaración de interese dun futuro Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia.

Unha titulación cunha alta inserción laboral

Despois da votación, Lantarón puña o acento en como a colaboración de todo o persoal da facultade contribuíu a que “esteamos alcanzando os obxectivos que nos formulamos”, polo que, de cara a esta nova etapa, o propósito "é seguir crecendo no mesmo sentido”. Nese senso, a decana sinala que Fisioterapia “é unha titulación demandada, tanto por parte do alumnado como do mercado laboral”, lembrando que se trata dunha titulación “cunha inserción laboral moi alta”, ao tempo que incide en que ese crecemento pasaría por impulsar “un máster propio que era algo que anhelábanos” para xa posteriormente “chegar a ter tamén un doutoramento”. 

Neste punto, explica que o obxectivo é que o Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia, respecto do que o reitor anunciou o impulso dunha nova mediación co propósito de tratar de resolver o conflito xerado coa Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, poida implantarse no curso 2022-2023. Este mestrado, sinala, buscaría tanto ampliar a formación dos titulados e tituladas neste ámbito como potenciar a investigación vinculada aos beneficios da fisioterapia no tratamento de diferentes patoloxías. Neste punto, a decana lembra que, se ben nos últimos tres anos produciuse a incorporación de novos docentes na Área de Fisioterapia, a posta en marcha deste posgrao fará necesario tamén “que necesitemos a contratación de máis profesorado”. 

Co obxectivo de volver “ao 100% presencial”

Nun curso marcado pola covid-19, Fisioterapia desenvolveu a docencia práctica de xeito presencial, mentres que a teórica combinou o seguimento nas aulas e a través de Campus Remoto. Nese senso, Lantarón recoñece que, de cara ao curso que vén, “o obxectivo é volver a presencialidade 100%”, o que “dependerá un pouco do tamaño das aulas que poidamos ter”, o que xa motivou este ano que algunhas materias impartisen sesións teóricas na Escola de Enxeñaría Forestal.

Por outra banda, a facultade tamén terá que enfrontarse nos próximos meses ao proceso de acreditación do seu sistema de garantía interno de calidade. Así mesmo, Lantarón inicia este mandato despois de ser elixida en decembro presidenta da Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Fisioterapia, “o que tamén é importante, porque supón darlle visibilidade á Universidade de Vigo e ao propio centro”.