DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Área de dereito do traballo e a seguridade social da UVigo

A ex-presidenta do Tribunal Constitucional, Mª Emilia Casas, clausura o Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral

Tras dous meses de formación para alumnos procedentes do eido sindical, empresarial e académico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
DUVI 02/12/2022

Tras dous intensos meses de docencia, este xoves clausurouse a quinta edición do Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral, unha iniciativa organizada pola Área de dereito do traballo e a seguridade social da Universidade de Vigo, en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais. A encargada de baixar o pano nesta última sesión foi a profesora María Emilia Casas Baamonde, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad Complutense de Madrid e ex-presidenta do Tribunal Constitucional, que ofreceu un relatorio sobre a concertación social.

No acto de peche, celebrado na Tesouraría Xeral da Seguridade Social en Vigo, interviñeron tamén Antía Sández, presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais; o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, e os directores do curso, o catedrático Jaime Cabeza e a profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, así como representantes das organizacións sindicais e do mundo empresarial. 

Como explican os organizadores, a valoración desta edición foi moi positiva, “foi un curso moi dinámico”, con 15 estudantes procedentes do ámbito sindical, empresa, ex-alumnos da Universidade de Vigo, que amosaron a súa satisfacción coa formación recibida. “Todos participaron activamente durante os dous meses que durou o curso, no que se abordaron cuestións sobre concertación social e negociación colectiva; comunicación e intelixencia emocional; aspectos estratéxicos da negociación; os acordos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos e individuais; e a análise de casos reais e práctica”, resume Rosa Rodríguez Martín-Retortillo. A idea, engade, “é continuar con edicións futuras deste curso, dada a importancia desta materia no actual marco de relacións laborais. 

Unha reflexión sobre a concertación social da man de Mª Emilia Casas

A catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad Complutense de Madrid e ex-presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas Baamonde, foi a encargada de impartir a conferencia de clausura desta edición, na que se centrou na concertación social. A profesora destacou que a concertación social, é dicir, o intento de lograr mediante un acordo entre o Goberno e os axentes sociais unha acción común en materia económico-social, está no centro dos debates do constitucionalismo do século XXI e apuntou que se trata dunha institución de consenso social e democrática e que é un fenómeno de participación política. Na súa intervención fixo referencia ao tratamento que distintos ordenamentos comparados fan desta materia e resaltou que na Constitución Española non ten un recoñecemento explícito, como si o ten a negociación colectiva. Finalmente, Casas incidiu en que a concertación social é compatible con situacións de crise e de expansión, pero fundamentalmente é necesaria en épocas de escaseza, concluíndo que é propia das sociedades avanzadas.