DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu unha conferencia sobre as convocatorias de axudas estatais

A excelencia, o próximo reto para os proxectos de I+D+i no eido xurídico

A cargo da presidenta da Área de Dereito da Axencia Estatal de Investigación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 15/02/2019

Patricia Feraldo, presidenta da Área de Dereito da Axencia Estatal de Investigación, achegouse este venres ao campus de Ourense, á súa Facultade de Dereito, para ofrecer unha conferencia na que trasladou ao persoal docente e investigador deste centro a aposta da súa entidade por fomentar a presentación ás convocatorias do Plan Estatal de I+D+i de máis proxectos, e sobre todo de maior excelencia, no eido xurídico.

A relatora ofreceu unha conferencia titulada A Axencia Estatal de Investigación: solicitude, avaliación e seguimento de proxectos de investigación en dereito, que contou coa asistencia de Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito de Ourense. O obxectivo da conferencia foi, segundo explicou a catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña, “trasladar á comunidade universitaria os procedementos que seguimos na Axencia Estatal de Investigación para poder mellorar a presentación de solicitudes e os resultados obtidos con ditos proxectos”. Durante a súa intervención presentou a axencia, o instrumento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para a xestión e financiamento dos fondos públicos destinados a actividades de I+D+i, afondou nas características específicas dos proxectos xurídicos que se presentan ás súas convocatorias e intercambiou co persoal docente e investigador presente impresións.

Un 4,5% do total dos proxectos

Segundo explicou a presidenta da Área de Dereito da Axencia Estatal de Investigación, na actualidade a área de dereito “é unha área relativamente pequena” no volume de actividade desta axencia. “Representamos o 4,5% do total dos proxectos que se presentan ao Plan Nacional de I+D+i. A taxa de éxito deste proxectos cambia segundo o programa do que esteamos falando pero ronda o 60%”, comentou a catedrática. Sobre o financiamento indicou como “cada vez temos máis proxectos e maior taxa de éxito pero menos orzamento e cada vez é menor a cantidade media que se concede por proxecto e iso é unha problemática”. Esta dinámica, detallou, “significa que estamos financiando investigación de base cando deberiamos estar financiando excelencia. Estamos dando pouca cantidade a moita xente”. Co obxectivo de atallar esta situación, Patricia Feraldo adiantou que “o que estamos é propondo un cambio de enfoque cara un financiamento de excelencia. Financiar a menos equipos pero con cantidades moi superiores. Isto é un cambio importante, xa que non é o que estivemos facendo nos últimos anos”.

Entre as dificultades para optar con éxito ás convocatorias estatais e internacionais de investigación no eido do dereito, a relatora apuntou como moi importante o feito de que “tendemos a estar en equipos moi pequenos. Estámonos atopando con grupos dunha ou tres persoas que tratan de abordar temas que son moi importantes e ambiciosos”. Neste contexto, indicou, “parte do esforzo do ministerio está dirixido a que nos integremos en equipos maiores, con maior capacidade de internacionalización, algo que nos costa moito en dereito”. Patricia Feraldo puxo o aceno na contradición de que “temos unha materia moi nacional por definición” pero por exemplo “nas universidades nos avalían a través dos resultados que conseguimos en internacionalización”. Así, recalcou a importancia de fomentar as publicación, os contactos, as redes e a solicitudes dos proxectos de carácter internacional.

Sobre as temáticas máis presentes nos proxectos de investigación que se presentan ás convocatorias estatais de investigación e que finalmente conseguen financiamento do Plan Nacional de I+D+i, a presidenta da Área de Dereito da Axencia Estatal de Investigación indicou como neste eido do coñecemento tamén hai tendencias, temas que xorden con máis ou menos intensidade acorde á actualidade. Así, explicou como “este ano hai moita preocupación pola violencia contra as mulleres, pola violencia sexual”. “En xeral centrámonos moito en innovacións lexislativas que procedan sobre todo por impulso da Unión Europea”, apuntou.