DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derrotou ao Liceo Ourense na primeira xornada da Liga Galega de Xadrez

O EXP-Universidade de Vigo aposta polas novas promesas na súa defensa do título autonómico

Con Ciencias da Educación e do Deporte como nova sede

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 29/01/2020

Coa Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte como nova sede de competición, o primeiro equipo do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz iniciou unha nova tempada na División de Honra da Liga Galega de Xadrez, na que defende o título autonómico conseguido o pasado ano. Na primeira rolda da competición, celebrada este sábado, o equipo pontevedrés sumou unha primeira e axustada vitoria fronte ao Liceo Ourense, por 3,5 a 2,5 puntos. Fíxoo na estrea da pista de atletismo interior da facultade do campus pontevedrés como sede das súas partidas, nunha xornada que reuniu neste centro 76 deportistas do club, xunto a un gran número de acompañantes e afeccionados.

Aposta polas novas promesas

Nesta nova tempada na División de Honra da competición autonómica, que se disputa entre xaneiro e abril, o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo ten como rivais a varios equipos que reúnen nas súas filas tres ou catro grandes mestres internacionais nas súas filas, como é o caso do Xadrez Ourense, o Xadrez Verín ou o Círculo Chantadino, “grandes favoritos sobre o papel”, como sinala o capitán do equipo pontevedrés, Pablo García. De feito, atendendo á súa media de puntos ELO na clasificación mundial, o EXP-Universidade de Vigo afronta a tempada como o quinto equipo con maior nivel. Mais faino tamén cunha “canteira cun tremendo potencial”, que lles levou nestes anos a acadar en cinco ocasións o título autonómico. De feito, o equipo universitario iniciou esta nova tempada apostando polos novos talentos no seu primeiro equipo, con nomes como Francisco Veiga, vixente campión de Portugal sub16, e Rubén Fernández, campión de España sub14. Xunto a eles, completan o primeiro equipo os “veteranos” Manuel Pena, Víctor Miguel, Daniel Rivera e Pablo García.

Unha vitoria "agridoce"

Na pista de atletismo situada no interior de Ciencias da Educación e do Deporte, onte o pasado mes de decembro a Escola Xadrez Pontevedra reunía preto de 100 xadrecistas no VIII Memorial Ramón Escudeiro Tilve, arrincou o pasado sábado a Liga Galega 2020. Fíxoo cun enfrontamento marcado pola igualdade, pese a desvantaxe coa, que atendendo ao ránking mundial, partía o Liceo Ourense. O marcador abriuse cunha vitoria local, a que Pablo García lograba tras dúas horas de xogo fronte ao portugués de Souza, e tras este primeiro punto chegaron os empates de Rubén Fernández ante Baltar e a vitoria de Víctor Miguel ante Bello. Mais, tralos bos resultados iniciais, o equipo universitario viu como se lles escapaban novos triunfos, en partidas como na que Alberto Portela tivo contra as cordas ao gran mestre cubano Arián González, que finalmente foi capaz de salvar o empate. Tampouco puido pasar das táboas David García no seu enfrontamento con Pérez Dapoza, mentres que Daniel Rivera cometeu na súa partida un erro de cálculo que lle custou a derrota. Deste xeito a vitoria final deixa un “sabor agridoce” no equipo universitario, que cedeu nesta primeira xornada, explican, uns “puntos moi valiosos nun sistema de liga que permite un exiguo marxe de erro”. 

13 equipos en competición

Ademais do equipo de División de Honra, o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo está representado este ano nas competicións autonómicas por outros doce equipos, dous en Primeira División, un na segunda, cinco na terceira e catro na cuarta. A xornada inaugural, celebrada a pasada fin de semana e na que oito dos equipos do club pontevedrés viviron enfrontamentos directos, deixou un balance de cinco vitorias, seis derrotas e un empate para o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo.