DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sitúase a un punto do líder, o Xadrez Verín, co que se medirá o vindeiro sábado

O EXP-UVigo suma a súa quinta vitoria consecutiva 

Gañou 5-1 ao Clubexa en Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 02/03/2020

No retorno á competición autonómica, o Escola Xadrez Pontevedra- Universidade de Vigo Estratexia pola paz sumou a súa quinta vitoria e cinco xornadas, dobregando por 5-1 ao último clasificado na División de Honra da Liga Galega, o Clubexa. Este resultado permite ao equipo universitario reducir a un punto a súa desvantaxe co líder da competición, o Xadrez Verín, ao que visitará a vindeira fin de semana, nun encontro que pode resultar decisivo no seu obxectivo de revalidar o título autonómico acadado a pasada tempada.

Tralo parón na competición autonómica por mor do entroido, no que o club pontevedrés vía como o seu novo talento Rubén Fernández se convertía en campión galego sub18, o EXP-Universidade de Vigo superou claramente ao Clubexa na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Alberto Portela abriu o marcador derrotando ao brasileiro Guilherme Borges, mais, xusto a continuación, chegou a única derrota dos locais, a que Fernández sufriu diante do experimentado xogador Alfredo de la Fuente. Este sería o único punto para os visitantes, xa que logo chegaron os triunfos de David García e Pablo García e, xa a piques de completarse o tempo, as vitorias de Daniel Rivera e Víctor Miguel en dous finais de corte técnico.

Con este resultado, o equipo universitario mantense no segundo posto da clasificación, con 20,5 puntos, un menos que o Xadrez Verín, que derrotou 2-4 ao Xadrez Rianxo. Por outra banda, a quinta xornada da Liga Galega deixou un balance de seis vitorias e sete derrotas para os equipos da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo. 

Campión galego xuvenil

Vixente campión de España sub14 e medalla de bronce no Campionato do Mundo da súa categoría, Rubén Fernández, “unha das xoias” do EXP-UVigo, como sinalan desde o club, sumaba antes desta quinta xornada un novo éxito ao seu palmarés. Poucas semanas despois de cumprir os 15 anos, o xadrecista lograba en Padrón proclamarse campión galego sub18, torneo que dominou desde o principio e no que sumou seis vitorias e dous empates.