DUVI

Diario da Universidade de Vigo

BBAA acolle un coloquio coa artista visual Bego M. Santiago

Experiencias e tecnoloxías coas que levar o cinema “máis aló da pantalla”

A conferenciante abordou a súa traxectoria profesional no “control de vídeo no espazo”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 03/12/2019

Residente en Berlín e ex-alumna da Facultade de Belas Artes, na traxectoria de Bego M Santiago como artista visual figuran “importantes premios e exposicións internacionais en Europa, Asia ou nos Estados Unidos”, salienta a profesora Xisela Franco, coordinadora do coloquio, organizado polo Departamento de Pintura, que na tarde deste martes trouxo de volta á facultade do campus pontevedrés a esta artista-tecnóloga. “O obxectivo da conferencia é que o alumnado, co meu traballo como escusa, coñeza o que é o cinema máis aló da pantalla, o que é o cinema no espazo”, salienta Santiago, que centrou a súa traxectoria profesional no chamado “control de vídeo no espazo”.

Abordar nese senso, a través dos seus propios traballos e traxectoria, os diferentes ámbitos que se engloban nesa idea do “control de vídeo no espazo” foi o obxectivo desta conferencia, que levaba por título O cinema como desbordamento, e na que Santiago abordou a creación de videoinstalacións, diferentes proxectos de escenografía audiovisual ou os seus traballos de mapping, “unha técnica que se emprega para corrixir a perspectiva do vídeo que se proxecta sobre unha superficie”. A artista, que foi profesora na Facultade de Arte, Arquitectura e Deseño da Charles University de Praga e que protagonizou recentemente exposicións no Metropiltan Pavillion de Nova York e na Art Basel de Miami, foi presentada por Franco como “unha artista que traballa con luz”, como un “caso atípico e estimulante”. A “indagación audiovisual” que definiu a súa traxectoria, engadiu a docente, levouna a ser unha “adiantada en España no uso de software de mapping e de control de vídeo no espazo”, así como a desenvolver unha traxectoria artística que “explora novas narrativas”, diluíndo, engadiu, “os límites do propio medio audiovisual”.

O cinema como un territorio a explorar

“Outro dos obxectivos da conferencia é que o alumnado entenda, a través dos meus traballos, como se relacionan pintura e cine, que se supón que son técnicas bidimensionais, pero que en realidade se poden adaptar a un obxecto e un espazo tridimensional ou mesmo xerar un ambiente máis aló das dimensións”, engadiu Santiago. Proxectar nese senso o cinema como “un híbrido entre moitas artes” e como un campo a explorar polo alumnado foi tamén un dos propósitos desta actividade, na que Santiago lembrou como o audiovisual se ten convertido “nunha constante” na socieade actual, “na que a estamos “sometidos a un bombardeo constante de imaxes”. Nese senso, a artista buscou tamén “motivar ao alumnado” a través da súa propia experiencia neste eido e do de seu traballo con diferentes softwares e tecnoloxías, á vez que abordou como estas influían na súa propia obra. “Aínda que os meus traballos son tamén biográficos e de reflexión persoal, nos que hai tamén unha intención de explorar o mundo, a tecnoloxía tamén achega contidos filosóficos ás pezas”, recoñeceu nese senso Santiago.