DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 2 de xuño poderá verse unha mostra que reúne as creacións de 16 estudantes

A experimentación en torno á cor do alumnado de Belas Artes protagoniza a última exposición do curso en ‘O Abrigo’

Por outra banda, o profesor Manolo Dimas presenta o seu novo traballo en Arco Lisboa 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 26/05/2023

Despois de que as convocatorias abertas para adxudicar a cafetaría da facultade quedasen desertas, o Decanato de Belas Artes decidiu acondicionar o espazo que ocupaba este servizo e destinalo temporalmente á organización de exposicións e actividades por parte do alumnado. Deste xeito, a antiga cafetaría converteuse en O Abrigo, un espazo que nestes días inauguraba a súa última exposición no presente curso, unha mostra que ten como fío condutor a importancia outorgada á cor en todas as obras. Coordinada polo colectivo de estudantes Refugallo, esta exposición reúne as creacións de 16 alumnos e alumnas, entre as que poden atoparse diferentes traballos pictóricos, pero tamén pezas escultóricas, gravados ou debuxos. 

“É unha proposta que busca ser multidisciplinar e percorrer os matices e as emocións da cor a través de traballos moi diferentes que se complementan”, sinalan desde Refugallo respecto da que é a sétima e última mostra colectiva promovida no presente curso en O Abrigo. Ata o venres 2 de xuño poderá visitarse neste espazo unha exposición que reúne as obras de Ana de Juana González, Ainoa Simons, Laura David Cavidades, Cristina Souto, Lili Algo, Sara Marín, Alexia Domínguez, Martinna Migliarini, Marta Suárez, Laura Carnero, Taro, Paula Romero, María Paulina Petz, Candela Eira, Paloma Musso e Bruno Castro.

Esta mostra pon o peche a unha programación de exposicións impulsada polo propio alumnado, á que se sumou a organización dunha serie de talleres neste espazo. Nese senso, ao longo deste curso Refugallo organizou no Abrigo diferentes mostras colectivas, nas que se reunían todas as obras presentadas polo alumnado nunha serie de convocatorias abertas que tiñan nunha temática ou nunha disciplina o seu fío condutor. Así, puideron verse mostras de gravados, retratos, fotografías ou cadernos de bocexos, á vez que este espazo acolleu tamén outras mostras promovidas polo alumnado, como (in)conexo, promovida por catro estudantes da facultade o pasado mes de abril.

Manolo Dimas participa en Arco Lisboa

 

Por outra banda, este xoves inaugurábase en Lisboa unha nova edición da feira de arte contemporánea Arco, un evento no que o artista e profesor da facultade Manolo Dimas presenta o seu novo traballo Die Blaue Nackte, unha edición de obra gráfica na que propón unha homenaxe aos artistas do expresionismo alemán e á súa publicación O Xinete Azul. As creacións deste artista e docente preséntase neste evento da man da galería Fontanar en Arts Libris, o espazo destinado a edicións desta feira. Trátase, como sinala, dun traballo realizado expresamente para Arco Lisboa, no que está presente por primeira vez, tras ter participado en numerosas edicións de Arco Madrid ao longo dos últimos 30 anos. “Faime ilusión”, recoñece Dimas, que tamén presentará no espazo da galería un traballo previo, o seu libro de artista Circus.

Nova acción de Último Viernes

Por outra banda, a Facultade de Belas Artes tamén é protagonista nesta xornada polo desenvolvemento dunha nova acción enmarcada en Últmo Viernes, un proxecto de accións e intervencións no espazo público coordinada polo profesor Ignacio Pérez-Jofre, que pon o foco en diferentes problemáticas medioambientais e nos efectos do cambio climático. Nesta ocasión, o responsable da nova proposta dun proxecto que se desenvolve os últimos venres de cada mes foi o alumno de doutoramento Álex Fuertes, que esta tarde presenta Monstruo, unha intervención realizada sobre os restos dun camión abandonado na rúa Martin Códax. Valéndose de restos de coches e doutros materiais de refugallo, o artista e investigador deu forma a unha intervención coa que busca pór o foco na ameaza que supón para a vida na terra “a ilusión do progreso, da industrialización, do comercio globalizado e do transporte sen límites”, como recolle o texto de presentación desta proposta.