DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas xornadas ‘Infancia e adolescencia. A cara oculta da violencia de xénero’

Expertas alertan que o 23% das nenas e o 15% dos nenos son vítimas de violencia sexual

A actividade foi promovida por Universidade, Concello e Deputación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI Pontevedra 28/05/2018

Abordar a violencia machista como unha problemática que afecta á infancia e á adolescencia máis aló dos propios fillos e fillas das mulleres vítimas desta lacra social constituía un dos obxectivos centrais da xornada Infancia e adolescencia. A cara oculta da violencia de xénero, que, coa participación de máis de 150 persoas, procedentes de ámbitos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os centros de información á muller, desenvolveuse o pasado sábado no Pazo da Cultura e na que desde a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme) alertaban que un 23% das nenas e un 15% dos nenos son vítimas de violencia sexual. Promovida pola Universidade, a Deputación e o Concello de Pontevedra, esta actividade insírese no proxecto de investigación Redes de innovación para a inclusión educativa e social, que impulsou a creación de grupos de traballo que reunisen tanto a especialistas académicos como a representantes de colectivos sociais e educativos co propósito de abordar conxuntamente diferentes problemáticas, como neste caso a violencia machista, eixo dunha actividade que tiña como obxectivo principal achegar formación e información ás participantes no grupo de traballo que coordina a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires. 

Así, dos catro obradoiros simultáneos que, na tarde do sábado, abordaron a violencia de xénero exercida contra menores desde os ámbitos sanitario, educativo, xudicial e asociativo, extraéronse conclusións como a importancia de loitar contra a “vitimización secundaria” que se produce cando as vítimas non se ven protexidas polas institucións ou a necesidade da formación en igualdade e a incorporación da perspectiva de xénero en ámbitos como o educativo, o sanitario e o xudicial. Pero tamén, a importancia da exploración e observación para detectar se un neno ou nena é unha posible vítima, o que no ámbito escolar dá relevancia á “identificar nenos con actitudes violentas e nenas con actitudes de hipersexualidade”, así como a necesidade de “datos estatísticos harmonizados” que permitan coñecer “a magnitude do problema”.

Unha xornada para abrir novos camiños

Enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals esta xornada abriuse, tralo acto inaugural, coa presentación por parte da catedrática de Ciencias da Educación e do Deporte Ángeles Parrilla do proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, no que se insire esta iniciativa e que levou á creación de seis grupos de traballo para o desenvolvemento de seis micro-proxectos, entre eles o conformado por traballadoras sociais, psicólogas, pedagogas, profesionais da educación, así como por persoas pertencentes no seu día a colectivos vulnerables, xunto ás investigadoras da Universidade Azucena Arias e Álvarez Lires. “A medida que se foi desenvolvendo o proxecto, vimos que este é un problema moi complexo, que non se limita só á descendencia das mulleres maltratadas”, apunta Lires das sesións de traballo nas que as 13 integrantes deste “grupo interdisciplinario” foron achegando as súas experiencias profesionais e vitais con esta problemática e nas que “vimos a necesidade de formarnos nós mesmas como grupo”. Partindo desta idea e co propósito tamén de “sensibilizar á sociedade” respecto deste "problema oculto" xurdiu unha xornada que trala presentación do “estado do proxecto” por parte de Arias, Daisy Alcalde e Iria Vázquez e unha conferencia da médica Lola Ferreiro acolleu catro obradoiros dirixidos a reunir as achegas que permitisen definir “como imos continuar coa investigación”, como sinala Álvarez Lires. “Este é un proxecto con vocación comunitaria, polo que interesábanos recoller opinións da sociedade”, engade esta investigadora ao tempo que pon de relevo a importancia de “tecer redes para facer visible un problema oculto” que, como se destaca nas conclusións desta xornada, abrangue “agresións sexuais, violacións, maltrato por desapego afectivo, abandono, maltrato físico..., xeralmente exercido por familiares varóns ou polas parellas das nais”. 

Da necesidade de formación e recursos ás “ideas preconcibidas”

Desmontando mitos da violencia contra nenas, nenos e adolescentes desde o eido asociativo era o título do taller no que Estrela Gómez, presidenta de Agamme, alertou da problemática da “violencia institucional”, das “institucións que non protexen” e que “entran nunha espiral de probas” que conducen a esa “vitimización secundaria”, o que a levou a pór de relevo a necesidade de “evitar protocolos excesivos, burocráticos”, que poden levar a que non se denuncien as situacións vividas, ao tempo que alertou tamén da existencia de “ideas preconcibidas que inflúen na concepción da violencia”. 

Da man da experta en xénero e saúde Lola Ferreiro, o proxecto abordou tamén esta problemática desde a óptica sanitaria, onde se puxo o foco en como “as crianzas somatizan a violencia de xénero”, polo que o seu cadro médico mellora “cando se separan do maltratador”. Neste taller incidiuse así mesmo na necesidade de incorporar a perspectiva de xénero ao ámbito sanitario, así como dunha formación integral que axude á detección e prevención, para que é preciso, sinalou esta experta, “observar e escoitar”, tanto no ámbito sanitario, como no educativo, poñendo o acento na importancia de identificar actitudes violentas ou crueis en nenos “que non soportan a frustración”, así como xestos ou poses que denoten “actitudes de hipersexualidade” e nenas”. 

“É moi importante que desde a Educación Infantil se trate a diversidade afectivo sexual e eduque en igualdade e se aborde a educación afectiva e sexual”, engádese nese mesmo senso nas conclusións dunha xornada á que a titular do Xulgado de Violencia sobre a muller de Vigo, Paz Filgueira, achegou unha análise do pacto de estado contra a violencia de xénero e a súa falta de desenvolvemento. Filgueira puxo tamén o acento na necesidade dunha formación en igualdade e sobre violencia de xénero, con especial atención á exercida sobre menores, pero tamén na importancia de contar con máis recursos humanos e materiais para combatela, aspectos que, como relata Álvarez Lires, tamén foron postos sobre a mesas nos diferentes talleres.