DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No obradoiro ‘Hackeando o patriarcado’ celebrado na EU de Estudos Empresariais

Expertas de prestixio analizan con voz de muller as principais causas do “machismo dixital”

Analizaron tamén as causas que motivan a escasa presenza de mulleres nos ámbitos STEM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Cultura
D. Besadío DUVI 12/12/2019

Existe unha hexemonía do patriarcado na realidade dixital? É similar ou maior á existente na realidade sen conexión? Estes e outros debates son os que se trataron este xoves no obradoiro Sociedade dixital e xénero, Hackeando o patriarcado, unha cita organizada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra ao abeiro da súa Cátedra de Feminismo 4.0 e na que destacadas profesionais de prestixio analizaron polo miúdo as causas que provocan a escasa presenza das mulleres nas carreiras STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), tanto na universidade como logo no mundo profesional, así como as distintas manifestacións do denominado machismo dixital e a súa repercusión nos videoxogos, os memes, os asistentes de voz, as actitudes misóxinas nas redes…

“No mundo dixital as cousas non só nin sequera aceptables e para comprobalo non hai máis que entrar cada día en calquera rede social e ler que acontece cando as mulleres manifestan a súa posición sobre o feminismo ou outros temas, as descualificacións que sufrimos son terribles”, salientou na inauguración do encontro a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen fixo fincapé na importancia dunha xornada que analiza “con voz de muller científica, investigadora, formada, analítica e con moito estudo detrás que está a acontecer no que ten que ver co mundo dixital para polo enriba da mesa”, ao que engadiu que todo o que está a acontecer “non é, certamente, nada alentador, pero temos que polo enriba da mesa e analizalo para dar coas solucións que verdadeiramente nos permitan hackear o patriarcado e cambiar este modelo si ou si”· 

Xunto á presidenta da deputación participaron na inauguración do encontro, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, e a subdirectora da escola, Araceli González. As tres afondaron na necesidade de non conformarse con esta realidade e de pór en marcha diferentes medidas que axuden a espertar vocacións femininas nas ciencias e nas tecnoloxías, que sexan “motor de impulso e de cambio”, salientou Valderrama. “Convidamos a todos a pornos as gafas lilas para ver que está pasando”.

“Hai miles de exemplos que demostran que a tecnoloxía non é neutral”

O programa das xornadas arrancou coa intervención da catedrática de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña Amparo Alonso, presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, que centrou o seu relatorio na súa especialidade: a intelixencia artificial, “a tecnoloxía que máis está mudando a nosa forma de comportarnos en sociedade”, salientou a experta, que non dubidou en referirse a esta ciencia como un descubrimento que cambiou a sociedade, igual que o fixeron previamente outros como a navegación ou a electricidade, por iso” é tan importante que nisto as mulleres non volvamos quedar ás escuras”.

Na súa intervención afondou nas diferentes fendas de xénero que existen nas facultades de Informática, pero tamén no mundo profesional… “Hai miles de exemplos que demostran que a tecnoloxía non é neutral, nin é inocuo o resultado de ter esa desigualdade de xénero”, salientou a experta, citando, entre outros, o caso dos asistentes dixitais, recalcando o feito de que “arredor do 90% son voces femininas, asociadas a unha muller nova, cun carácter humilde, servicial, obediente... que perpetúa eses trazos de xénero”. Falou tamén das construcións que se empregan na linguaxe natural para tradutores en todo o relacionado coa aprendizaxe automática, “as linguaxes latinas non teñen xénero neutro e ao traducir do inglés pasan todo a un xénero que é o masculino ou feminino e moitas veces acaban facendo equivalencias do tipo home-médico muller-enfermeira”.

Mulleres que "deberían ser referencia para o conxunto da sociedade”

Á intervención de Alonso, seguiulle un relatorio da docente e investigadora do Departamento de Didácticas Especiais da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires. A xornada, á que asistiron arredor de medio cento de persoas, continuou cunha mesa redonda na que participaron a docente e investigadora da UVigo Amelia Verdejo Rodríguez; a comunicadora audiovisual de videoxogos e coordinadora de Protesto, o primeiro libro de gamestudies en castelán con perspectiva de xénero, Marina Amores (Blissy), e a tradutora especializada en textos científico-técnicos e en localización de software e páxinas web, Mercedes Rodríguez García. “É un cadro de relatoras conformado por mulleres de luxo, potentísimas, que deberían ser referencia para o conxunto da sociedade”, destacou a presidenta da deputación, que convidou a todas as e os asistentes a ser “copartícipes das súas reflexións e coñecementos”.