DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Ignacio Martínez Estay impartiu unha conferencia en Ciencias Sociais e da Comunicación

Experto alerta do risco para a democracia que implican os disturbios en Chile 

O profesor da Universidad de los Andes abordou tamén o proxecto de reforma constitucional

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/02/2020

O chamado “estalido social” chileno, a serie de disturbios que se sucederon en diferentes cidades do país a partir de outubro do pasado ano, centrou este xoves a conferencia que o profesor de Dereito Constitucional e Administrativo da Universidad de Los Andres José Ignacio Martínez Estay impartiu na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Nunha actividade promovida pola Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza, co patrocinio da facultade, Martínez Estay sostivo que o “cadro de violencia urbana” no que está inmersa a crise chilena pode supor “un risco para a democracia e o estado de dereito”.

As protestas que arrincaron en outubro a raíz da suba das tarifas no sistema público de transporte na capital levaron, a xuízo deste experto, a “unha situación de crise que, máis aló das lexítimas demandas sociais que existen, está inmersa nun cadro de violencia urbana que non viramos nos últimos anos”. Nunha conferencia presentada polo profesor do grao en Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, o docente, que se atopa actualmente desenvolvendo unha estadía de investigación en España, criticou que certos “sectores políticos democráticos con representación parlamentaria” incorresen ao seu xuízo no “erro” de ver nesta crise “unha oportunidade para sacar proveito da inestabilidade do goberno”. Martínez Estay recalcou na súa intervención en que “a democracia e o estado de dereito é un gran avance da humanidade que non existiu sempre”, de tal xeito que é algo que “hai que coidar”, porque “así como se gañou, hai exemplos históricos de como se perdeu”. Por iso alertou na súa intervención de que, máis aló das reivindicacións sociais, haxa neste país quen optarse por “tomar a rúa” co obxectivo de  “reformular a comunidade política de maneira violenta”.

Unha crise que dará lugar a unha nova constitución?

Nunha conferencia titulada O estalido social e a reforma constitucional en Chile; claves políticas e perspectivas, Martínez Estay abordou tamén como, despois dun mes “dunha inestabilidade moi dura”, os partidos do goberno e da oposición puxéronse de acordo “para canalizar a discusión sobre a institucionalidade política e sobre as reformas sociais  a través dunha nova constitución”. Acordaron, lembrou, a convocatoria dun referendo para o mes de abril “no que se vai preguntar ao pobo se quere ou non unha nova constitución”, o que ao seu xuízo sería tamén “unha boa oportunidade para terminar cunha discusión que para un sector que electoralmente representa a un terzo da poboación chilena é importante”, o feito de que o actual texto constitucional fose aprobado na ditadura de Pinochet. Neste punto, Martínez Estay sinalou que o actual texto en vigor viviu “máis de 40 reformas” nas últimas catro décadas, de tal xeito que “na práctica é outra constitución”, pero ao mesmo tempo apuntou que, con independencia do resultado do referendo, “é un feito” que a constitución deberá afrontar cambios, “porque ademais dos problemas que orixinaron inicialmente a crise, creo que hai problemas estruturais que quedaron nús coa crise” e que obrigarán ao seu xuízo a esa reforma lexislativa.