DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese en Pontevedra o XV Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde

Expertos alertan da urxencia de fomentar a actividade física para combater a obesidade na infancia

16 conferencias integran o programa dun foro que reúne 200 persoas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 08/11/2019

Preto do 20% dos nenos e nenas que cursan educación primaria no conxunto de España presentan sobrepeso e outro 15% padecen obesidade. Este foi un dos datos que se puxeron sobre a mesa para incidir na importancia de promover a actividade física na infancia na primeira xornada do XV Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde. Impulsado polas universidades de Vigo e A Coruña, o Concello de Pontevedra e a asociación Sportis, este congreso reúne, este venres e sábado, preto de 200 persoas no Pazo da Cultura, co propósito de afondar en aspectos como as “novas urxencias” da educación física escolar, as vinculacións do deporte coas estratexias de aprendizaxe ou a planificación de exercicio físico en pacientes oncolóxicos.

Especialistas, investigadores, estudantes e profesionais de diferentes partes de España, pero tamén de Colombia, México, Chile e Arxentina asisten a este congreso que reúne no seu programa 16 conferencias centradas nos eixos da educación física, a saúde, o deporte, o rendemento e a nutrición. Na mañá deste venres, este congreso internacional foi inaugurado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do campus, Jorge Soto, o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; o profesor da UDC e director xeral do congreso, Víctor Arufe, e o presidente do comité organizador e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, José Luis García Soidán. Todos eles puxeron en como, despois de 15 anos este congreso é xa “un referente”, que pon o foco “na actividade física, a saúde e, por extensión, o benestar de todos nós”, como salientou Soto. Na súa intervención, o vicerreitor puxo de relevo a importancia de que “estas tres palabras” formen parte da axenda de todas as institucións para facer fronte a problemáticas como o sobrepeso e o sedentarismo, xa que “unha parte importante das respostas están no deporte na actividade física”, como salientou Soto. Nesa mesma liña, Fernández Lores, puxo de relevo a importancia que o Concello outorga á promoción da actividade física, aspecto no que tamén incidiu Benavides, quen defendeu “a promoción do deporte” como unha das “obrigas das administracións”. 

A “urxencia” de impulsar a educación física nas escolas

Entre os conferenciantes nesta primeira xornada atopábase o investigador da Universidad de Cantabria Oliver Ramos, que centrou o seu relatorio nas “novas urxencias da educación física”, motivadas polas “taxas desbordantes” de obesidade e sobrepeso na infancia. Ramos sinalou ao sedentarismo como “o factor con máis incidencia” nestas problemáticas e alertou nese senso de que a este problema se lle suma “o abandono da actividade física que se produce na adolescencia” e o feito de que os nenos e nenas con sobrepeso e obesidade terán maior tendencias a “ter estes mesmos problemas na súa vida adulta, con todas as enfermidades asociadas”. Para combatelas, Ramos defendeu a necesidade dunha “educación física centrada na saúde”, dando conta na súa conferencia da experiencia que levou a cabo como docente dun centro de primaria en Cantabria, onde a través dunha reorganización de horarios logrou que nenos e nenas conten “cunha hora de educación física ao día”. Algo que ao seu xuízo é “absolutamente necesaria”, tendo en conta que a OMS recomenda “cando menos 60 minutos de actividade física ao día” e que “oito de cada dez nenos non fan actividade física fóra dos centros educativos”.

‘Xogo de Tronos’ ou ‘Fortnite’ para motivar cara o exercicio

Entre as conferencias desta xornada figuraba tamén que a Arufe centrou na iniciativa pola que esta semana era recoñecido co Premio á Innovación Educativa Simo á mellor experiencia de gamificación. Valéndose do videoxogo Fortnite, no que unha serie de xogadores compiten por ser os últimos superviventes, Arufe desenvolveu unha actividade “na que simulamos as dinámicas do xogo”, e na que, empregando pelotas de espuma, as e os participantes compiten tamén por ser os últimos en ser eliminados, aínda que neste caso, explica, promovendo “a cooperación, a cohesión de grupo, o respecto e a tolerancia”. Trátase, sinala, dunha proposta que “unha rede de 25 profesores” levou ás súas aulas en centros de primaria e secundaria e que “motiva moito ao alumnado cara a práctica de exercicio físico”.

Motivar ao seu alumnado foi tamén o que levou ao profesor da Universidad de Granada Isaac Pérez a desenvolver unha experiencia de “gamificción”, na que fai uso da “adaptación dunha referencia fílmica para construír experiencias de aprendizaxe realmente significativas e enriquecedoras”. Na súa conferencia, Pérez deu conta de como fixo uso de series como Xogo de Tronos para desenvolver as competencias das súas materias. “Os alumnos distribuíanse por casas e tiñan que tentar lograr o trono de ferro”, relatou Pérez da iniciativa que levou a cabo o pasado curso e na que, por unha banda, as e os participantes tiñan que realizar actividade física para “moverse dun territorio a outro” e, por outro, mostrar “as evidencias da aprendizaxe que desenvolveron ao longo do camiño para poder gañar as súas batallas cos outros reinos”.

Dous días, 16 conferencias

O congreso que abriu unha conferencia do profesor da Universidad de Valladolid Antonio Fraile sobre a importancia da avaliación formativa na educación física, trata tamén nesta primeira xornada temáticas como o desenvolvemento da intelixencia a través da actividade física ou as necesidades psicolóxicas básicas no deporte. Xa o sábado, terán lugar outras oito conferencias, centradas no deporte escolar, o adestramento en deportes de equipo, os programas de exercicio físico en persoas con sobrepeso e obesidade ou as dietas das e os deportistas. Entre os relatorios desta xornada figuran tamén o que a investigadora do Instituto Profesional de Educación Física y Cáncer Aida Tortola centrará na planificación de exercicio físico en pacientes oncolóxicos ou que Ismael Fernández, da Hannover Medical School, dedicará á aplicación de termografía infravermella na prevención o seguimento de lesións.