DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo recolle un informe da Xunta coordinado polo director da EE Forestal, Juan Picos

As exportacións da industria da madeira galega situáronse en 2018 en cifras de récord

No pasado exercicio, a facturación do sector ascendeu a 2300 millóns

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 02/12/2019

A industria forestal e da madeira alcanzou en 2018 unha facturación conxunta de preto de 2300 millóns de euros, un 2% máis que no exercicio anterior, e presentou unhas cifras de récord en materia de exportacións, con máis de 900 millóns de facturación. Estes son algúns dos datos recollidos no informe A cadea forestal-madeira de Galicia 2018, promovido pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia e coordinado polo director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos. 

O informe, “que intenta compilar algunhas das magnitudes básicas da cadea forestal-madeira”, como explicou Picos, presentouse este luns na escola nun acto no que participaron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o director de Xera, Ignacio Lema, así como diferentes representantes desta industria. Trátase, sinalou Conde, “dun sector que segue xerando emprego, un 4,8% máis que no ano anterior, e que está moi vinculado ao desenvolvemento rural”. O conselleiro subliñou tamén o protagonismo que a industria forestal e da madeira “está chamada a ter no novo paradigma da economía circular e da bioeconomía”, aspecto no que tamén incidiu Soto, quen salientou o carácter “estratéxico” do sector para Galicia. 

Consolidación trala crise

“Quizais o máis salientable do ano 2018 é que non hai novidades respecto das tendencias de 2017, que eran as da consolidación pasados os anos da crise”, salientou Picos dun informe que afonda en como, o pasado exercicio, a facturación desta industria superou os 2300 millóns, cun crecemento do 2% que, non obstante, é inferior ás taxas de crecemento dos últimos anos, segundo recolle o informe. No referido aos segmentos de actividade, a industria do taboleiro e da pasta de papel mellorou o seu volume de negocio un 9%, superando os 1000 millóns de euros de facturación. O serrado facturou 384 millóns, un 8% máis, mentres que a área dos aproveitamentos forestais presentou un incremento do 2%, cun volume de actividade de 462 millóns nun ano que se rexistrou en Galicia “un novo récord”·en cortas de madeira, de preto de 10 millóns de metros cúbicos. Pola contra, viviuse un descenso do 17% na facturación da industria da segunda transformación, motivado, entre outros factores, sinalou Picos, “polo axuste en segmentos como o contract”. 

As exportacións medraron en 2018 e reduciranse en 2019

En 2019, a exportacións do conxunto dos produtos da cadea forestal-madeira incrementáronse un 4,6% en 2018 para situarse nos 900 millóns de euros, tendo como principais mercados, no 90% dos casos, diferentes países europeos. Concretamente, a exportación de madeira en rolo ou estelas aumentou un 23%, a dos produtos de pasta e papel creceu un 12,9% e a de produtos de madeira un 6,9%. Pola contra, as exportacións relacionadas coas segundas transformacións descenderon un 14,8%. Non obstante, Picos remarcou na súa análise a previsión de que neste 2019 se produza un “retroceso” no volume de vendas ao exterior, motivado polas “incertezas” derivadas do Brexit ou dos conflitos arancelarios. 

Un 5% máis de empregos

Con 21.190 asalariados directos en 2018, o emprego medio na cadea forestal aumentou o pasado exercicio un 4,8%, ao que se suma o feito de que “boa parte” destes postos de traballo “danse en comarcas de natureza rural, onde supón unha das poucas actividades industriais”. Destes preto de 22.000 empregos, o 48% correspóndense coa industria da madeira, un 24% coa silvicultura e explotacións forestais, un 20% coa fabricación de mobles e un 8% coa industria do papel. En conxunto, o sector englobou o pago de 465 millóns en salarios e de 135 millóns en cotizacións sociais, apuntou Picos, que incidiu tamén no “impacto sobre a economía” dunha industria que “adquire produtos do 80% dos sectores de Galicia”.

A emerxencia climática, oportunidade e responsabilidade

A coincidencia desta presentación co cumio mundial do clima en Madrid levou tanto a Conde como a Picos a pór en valor o papel que a industria forestal está chamado a ter na loita contra a emerxencia climática. Na súa presentación, Picos aludiu a “tres sectores importantes” para o futuro da industria, como son a fabricación de téxtiles con derivados da madeira, o incremento da demanda de madeira serrada para materiais de construción, embalaxes, carpintaría e mobiliario e o seu uso para a construción de grandes edificios. “O uso da madeira é rendible para o cambio climático”, subliñou o director da EE Forestal, que incidiu en que, “ao contrario que noutros sectores”, unha maior produción non implica maiores emisións, senón que “axuda á loita contra o cambio climático”. Non obstante, Picos recalcou que, máis aló de que poida ser “unha oportunidade de mercado”, o sector debe asumir un “papel de liderado”, axudando, por exemplo, “outros sectores galegos para que poidan ser capaces de afrontar mellor a transición enerxética”.