DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa do colectivo Egeria

A exposición 'Don Ricardo de Fingoi' amosa no campus a etapa lucense de Carbalho Calero

Pode visitarse no Edificio de Ferro ata o vindeiro 9 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 30/11/2020

Desde este luns e ata o 9 de decembro, o Edificio de Ferro do campus de Ourense, onde están ubicadas as facultades de Historia e Educación e Traballo Social, acolle a mostra Don Ricardo de Fingoi (Carballo Calero en Lugo). A iniciativa do Colectivo Egeria permite ás persoas interesadas achegarse aos 15 anos que o homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas estivo vivindo en Lugo e traballando como profesor e responsable do Colexio Fingoi, unha etapa que na mostra se destaca que foi “decisiva” na traxectoria do mestre e escritor.

A exposición, que chega a Ourense despois de percorrer desde xaneiro diferentes lugares da xeografía galega, foi inaugurada este luns pola tarde por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Xulio Xiz, xornalista e escritor coordinador da mostra, mostra que conta coa colaboración do Colexio Fingoi e o patrocinio da Xunta de Galicia. “Estamos encantados e agradecidos de recibir esta exposición sobre unha figura senlleira da cultura galega como é Ricardo Carbalho Calero”, salientou Esther de Blas. Pola súa banda, Xulio Xiz apuntou como “a exposición reflicte os 15 anos de Carbalho Calero en Lugo”. Del destacou como, xunto con Fraguas, “revolucionaron Lugo, revolucionaron a cultura de Lugo, un desde o instituto, outro desde o Colexio Fingoi”. Carbalho Calero en Fingoi, subliñou Xulio Xiz, puxo en marcha “o único colexio de España que daquela era mixto, porque o seu promotor conseguiu que o ministerio lle autorizara un colexio de nenos e outro de nenas e o que fixo foi xuntalos, facendo un colexio mixto”. O centro, comentou, foi “un estraño colexio”, dirixido por un “estraño profesor, que como non podía ser director nomeárono conselleiro delegado, co que tiña a dirección baixo o seu mando”. Desde este posto, Xulio Xiz destacou como Ricardo Carbalho Calero “conseguiu para os lucenses un ensino especial, libre, avanzando, sen libros, sen ataduras de ningún tipo”.

12 paneis

Nos 12 paneis que conforman a mostra abórdanse diversos aspectos do impacto que os 15 anos de Carvalho en Lugo produciron na sociedade lucense e a pegada que Lugo deixou no profesor e escritor. En cada panel afóndase a través de datos, de imaxes e fotografías e de testemuños na traxectoria e evolución do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. “Foron 15 anos os que Ricardo Carbalho Calero residiu en Lugo, se ben antes, e especialmente despois, tivo importante relación coa nosa cidade. E cando por fin se lle dedica o agardado Día das Letras Galegas, o Colectivo Egeria faise voceiro de ducias de alumnos/as da súa etapa lucense para destacar o seu vencello coa cidade, e o impacto que Lugo e as súas xentes produciron no noso profesor e escritor. Noso, por vivir connosco, e por quedar vinculado coa cidade para sempre”, indícase na mostra sobre a idea de levar a cabo esta exposición.

As persoas interesadas poden nos paneis expostos no campus de Ourense coñecer como Carbalho Calero chegou en 1950 a Lugo “para pór en marcha un especial proxecto educativo, ao que se dedicará en corpo e alma” como foi o Colexio Fingoi. No percorrido pola súa traxectoria, na mostra apúntase como “o tempo lucense de Carbalho pode parecer unha etapa de silencio, pero foi un abrente, un amencer vital que lle permitiu rehabilitarse diante de si mesmo, e proxectarse, a través do colexio e do seu alumnado, á cidade de Lugo, e a través da súa escrita, a todo o mundo de fala galega”. Así, sublíñase na mostra, “os 15 anos lucenses de Carbalho Calero, que se entenderon de relativo silencio, de absoluta dedicación ao ensino e dirección do Colexio Fingoi, resultaron decisivos na súa traxectoria como escritor, reforzaron a súa situación persoal e intelectual e foron a base da súa posterior consagración no mundo da cultura de Galicia”. A mostra péchase cun panel de 24 lembranzas de 24 lucenses e un poema de Pimentel nos que se fai lembranza da figura homenaxeada.