DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Belas Artes Ignacio Barcia é comisario dunha mostra no Auditorio de Galicia

Unha exposición explora a dimensión plástica das partituras musicais

‘Mirar o son’ presenta máis de 200 documentos cunha “importante compoñente visual”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 17/09/2020

A evolución vivida na música desde mediados pasado século trouxo consigo “a necesidade de novas formas de notación” que ían máis aló da partitura tradicional e que, en ocasións, deron lugar a documentos “cunha compoñente visual e gráfica importante”. Este é, como explica o profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Barcia, o punto de partida de Mirar o son. Notación gráfica na música contemporánea, a exposición da que é comisario xunto con Iñaki Martínez Antelo e que na tarde deste mércores se inauguraba no Auditorio de Galicia, en Santiago. A mostra propón un achegamento ás novas formas de notación musical desde mediados do século XX ata a actualidade, a través da exhibición de máis de 200 partituras “non convencionais”, nas que predomina esa compoñente visual ou que adoptan “linguaxes e sistemas de notación non normalizados”, como explica o comisario e docente. 

De feito, nunha exposición que reúne obras de máis de 60 compositores e compositoras, conviven tanto pezas “consecuencia da necesidade de notación de novas formas sonoras e musicais”, como partituras resultado da experimentación e investigación, tanto musical como plástica. Inserida na programación do festival de artes performativas Plataforma, promovido polo Concello de Santiago de Compostela, a exposición poderá visitarse ata o 15 de novembro e foi inaugurada este mércores polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e os seus comisarios. O acto completouse así mesmo cun concerto de Vertixe Sonora, que interpretou varias partituras presentes na mostra, dentro da programación das Xornadas de Música Contemporánea de Compostela. 

Na intersección entre as artes visuais e as sonoras

Mirar o son ten como punto de partida a investigación que Barcia iniciou no curso 2015/2016, trala concesión dun ano sabático que dedicou a afondar nese “solapamento entre o visual e o acústico” nas novas formas de notación da música contemporánea. O labor de compilación e clasificación de obras levado a cabo polo o investigador do grupo DX7, coa colaboración da Biblioteca Central do Campus de Pontevedra, serviu como punto de partida para a posterior selección de materiais realizada para esta exposición. 

Nela, Barcia e Martínez Antelo reúnen partituras de compositores de renome como John Cage, Cathy Berberian, Dick Higgins, Joan La Barbara, Llorenc Barber, Earle Brown, Juan Hidalgo, Tom Johnson, Morton Fieldman, Cornelius Cardew ou David Young, como de novos compositores e compositoras. Co obxectivo de dar forma a unha exposición “cunha forte intención didáctica” e pensada para un público non especializado seleccionaron en boa medida materiais “máis ou menos accesibles”, que se combinan á súa vez con edicións xa esgotadas, obras remitidas directamente polos compositores e compositoras ou publicacións de tiraxes limitadas, máis próximas á obra gráfica seriada. Con esa mesma idea, a mostra complétase con vídeos explicativos dalgunhas pezas ou proxeccións dalgunhas interpretacións. 

Percorrendo as dimensións visuais da música contemporánea 

As pezas reunidas en Mirar o son permiten observar o proceso de “transformación da partitura” que, desde a segunda metade do pasado século, provocaron os novos procesos compositivos ou a ampliación dos materiais sonoros empregados. “Cando un compositor e compositora quere indicar que algo se golpee cun martelo, non o pode indicar do xeito tradicional”, sinala nese senso Barcia, que explica que na mostra conviven obras “inseridas nun ámbito musical con outras cunha forte carga interdisciplinar”, o que permite afondar tamén en como como a partitura foi empregada como “un lugar de experimentación, investigación e creación musical”. Á súa vez, a mostra reúne outra serie de pezas que “son case debuxos, cadros ou esquemas”, que parten do visual e que “o que fan é máis provocar unha situación sonora que non dar unhas instrucións”, apunta o investigador. Do mesmo xeito, Mirar o son permite achegarse tamén a “movementos artísticos nos que convive o sonoro coa visual”, a través dunha serie de documentos, “que visualmente son moi interesantes e que apuntan cara o sonoro”, mais que non foron concibidos como guía para a súa interpretación, senón como obras plásticas que buscan xerar unha “experiencia sonora”.