DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida polo Consello da Cultura Galega, poderá visitarse ata o 5 de setembro

Unha exposición percorre na Vicerreitoría a historia dos coros galegos

Integrada por 30 paneis dedicados a catro formacións aínda en activo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 20/08/2019

Aires da Terra, a formación impulsada por Perfecto Feijóo en Pontevedra no ano 1883 foi o primeiro coro que existiu en Galicia. Recoñecer a contribución deste tipo de formacións á cultura galega é precisamente o obxectivo de Son de Galicia, unha exposición promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG) que desde este mércores pode contemplarse na Casa das Campás, sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Un total de 30 paneis integran esta mostra itinerante que aborda a historia dos coros galegos a través da traxectoria de catro formacións que permanecen aínda en activo, Toxos e Froles, Cantigas da Terra, a Coral de Rúada e Cantigas e Agarimos. A mostra será inaugurada este mércores ás 20.00 horas polo vicerreitor do campus, Jorge Soto; a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, e o comisario da mostra, Miguelanxo Seixas.

A súa contribución á identidade galega

A través dos seus paneis, a mostra traza un percorrido pola biografía destes catro coros históricos, que permite coñecer como, a través do baile e da música, estas formacións contribuíron a asentar a identidade galega, segundo informa o CCG. A mostra reúne non só apuntamentos biográficos destas entidades, senón que estes serven de pretexto para facer unha lectura moito máis ampla co propósito de “recoñecer o seu traballo común na configuración e divulgación da identidade galega”. Por iso, a exposición, que contou coa colaboración de Afundación e das catro sociedades corais, presta atención ao labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a súa preocupación por conservar a lingua, así como aos traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións.

Ademais dos paneis, a exposición, espallada por diferentes espazos da Vicerreitoría, conta tamén cun espazo para material audiovisual, realizado en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), que permitirá descubrir imaxes históricas deste tipo de sociedades. Por outra banda, os coros tamén participaron na escolla das pezas sonoras representativas da súa historia, que o público poderá escoitar na exposición, completada por instrumentos, documentos escritos, discos, mostras da vestimenta e decorados.

Pontevedra como berce

A orixe dos coros galegos, lembra o CCG, remóntase a Aires da Terra, o grupo pioneiro impulsado por Perfecto Feijóo e integrado por un gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e varias parellas de baile. Aires da Terra empregou decorados e elementos da dramaturxia e da vestimenta popular, mentres que a súa música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, converténdose na orixe e modelo para os diferentes coros que chegaron despois, “nos que constaba unha intención explícita de reivindicar a identidade galega”, apunta o CCG. Nese senso, a exposición permite ver tamén outras facetas destacadas deste tipo de sociedades, como “o seu carácter de entrega, pois os seus integrantes ensaiaban despois da súa xornada laboral”, o seu labor solidario e a súa faceta de “embaixadores da cultura galega”, con máis de 60 viaxes a diferentes países.