DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora de Belas Artes Silvia García é a comisaria de ‘Rastro material. Mal de arquivo’

Unha exposición reflexiona sobre a memoria que gardan os “papeis máis humildes”

Poderá visitarse ao longo deste mes no Colexio de Fonseca da USC

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/02/2020

“O papel é un soporte moi humilde e agora moita xente se desfai deles coa idea de que todo está na nube, pero ás veces acaba por ser máis resistente que moitos organismos e institucións”, sostén a profesora da Facultade de Belas Artes Silvia García, que na exposición Rastro material. Mal de arquivo, propón unha reflexión sobre as pegadas materiais que as persoas deixan tras de si en papeis de múltiples orixes e procedencias. A mostra, que ata o 29 de febreiro pode visitarse no claustro superior do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, presenta eses papeis acumulados convertidos en collages tridimensionais ou en pequenos cadernos e libros de artista, construídos a partires de fotocopias, recortes de prensa, fotografías, listas ou apuntamentos. 

“Esa reconstrución intenta ofrecer unha relectura do rastro material que deixamos tras de nós”, salienta García González da exposición que na tarde deste luns inauguraba xunto á vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, e que poderá visitarse ata o 28 de febreiro. O concepto de ephemera, “que no ámbito dos arquivos alude a aqueles documentos que non foron creados para perdurar”, en contraposición aos libros e documentos administrativos, constitúe o punto de partida dun proxecto que se nutre daqueles “papeis máis humildes”. Estes materiais “efémeros, que a xente percibe como un lastre” e que, non obstante, “falan de nós”, serviron a García para dar forma a trintena de cadernos de artista, folletos intervidos ou collages tridimensionais que reúne esta exposición. A mostra, que á súa vez dá continuidade á exposición Rastro material. Aprender do arquivo, que a profesora do Departamento de Pintura presentou o pasado mes de decembro no Pazo de Tor, en Lugo, pon así mesmo en relación estes materiais “rescatados”, cos tecidos, “nos que tamén se ve o pasado do tempo” a través da perda de cor, con pezas como unha instalación escultórica feita a partires de roupa branca. 

Nacida do arquivo persoal

Mal de arquivo alude á difícil tarefa da escolla, manexando os nosos arquivos persoais ou familiares, intentando ordenar a acumulación que xorde da curiosidade que se opón á visión práctica do papel que ocupa un valioso espazo”, sinala García González dunha exposición que ten como puno e partida o seu propio arquivo persoal. Así a docente e comisaria fai uso nesta mostra de documentos que gardou da súa etapa de estudante de Belas Artes e da estadía que realizou en Londres ao abeiro do programa Erasmus, dos materiais que foi compilando durante os sete anos nos que traballou no departamento de actividades do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), ou de fotocopias e materiais de traballo que gardaba do proceso de elaboración da súa tese. “A miña tese falaba de cidade, fotografías e diagramas visuais e o que fago coa exposición é crear unha especie de diagrama tridimensional con papeis que remiten aos mesmos lugares”, engade García dunha mostra que nese senso, está tamén vinculada aos lugares que visitou e nos que traballou.

De feito, o propio arquivo persoal é tamén o xerme da reflexión sobre “eses papeis que non soen perdurar” que deu lugar a esta exposición. Reflexión que, relata, xurdiu tras atopar unha carpeta con papeis que constituían “todo o rastro material do meu avó paterno” e na que ademais daqueles “papeis que a sociedade nos obriga a gardar”, atopouse “rastros do cotián” como listas da compra “nas que se apuntaban os víveres que precisaba” para o barco de baixura do que era patrón.