DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha mostra de Óscar Raña comisariada por Alberto González-Alegre

A exposición 'Xa foi (mais é)' pecha a programación 2019 da Sala Alterarte

As obras expostas nacen da obra gráfica deste ilustrador

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 17/12/2019

Ata o vindeiro 14 de febreiro de 2020, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a mostra Xa foi (mais é), do creador Óscar Raña e comisariada por Alberto González-Alegre. Nela, o artista, que compaxina proxectos de cómic, ilustración e animación experimental, amosa ao público “unha colección de obra recente (algunha feita para a ocasión) que procede de ideas que habitan a miña obra gráfica”.

Segundo explica Óscar Raña, a exposición consta dunha selección de obra gráfica provinte de traballos previos de edición, debuxo e ilustración que “dalgún xeito quixen adaptar ao soporte pictórico co fin de comprobar ata que punto eran transportables esas ideas a nivel de execución”. Os distintos resultados plásticos que se poden ver na Sala Alterarte, engade o artista, “pretenden pór en cuestión de maneira desenfadada a propia natureza do medio pictórico, dende unha linguaxe críptica e enigmática que se recrea na orixe dixital das imaxes que o lenzo contén”.

Todas as técnicas e disciplinas que conflúen na mostra, comenta Óscar Raña, converxen en varios eidos comúns, como son “o interese pola composición no plano e as relacións forma/cor/equilibro que se dan no mesmo; a abstracción xeométrica; o inevitable parentesco que actualmente se dá entre a pintura e o medio dixital (tanto a nivel de consumo de imaxes como de creación das mesmas); a alusión ao cómic e á forza expresiva das súas formas, etc”.

Pintura, animacións proxectadas e traballos gráficos

Ademais de obras pictóricas en acrílico, a exposición, que foi inaugurada o pasado 13 de decembro, conta tamén con animacións proxectadas que o artista creou desde Rapapawn, colectivo de animación experimental do que forma parte xunto a Cynthia Alfonso. “Nestas obras, a imaxe cae presa de sistemas de repetición que articulan secuencias que nunca chegan a fin algún. O efecto de repetición inesgotable e de abstracción transfigurada xera efectos hipnóticos que atrapan o ollo do espectador”, indica o ilustrador. A mostra complétase cunha selección de traballos gráficos impresos extraídos da traxectoria recente do artista no campo da edición e a autoedición e que “dan fe da relación indestrutible que existe entre a miña obra impresa e a obra plástica”.

Logo de publicar o cómic Mangy Mutt, explica o comisario da mostra, Óscar Raña (Vigo 1990) presenta agora en Alterarte “Xa foi (máis é), unha colectánea de ambigüidades pintadas de orixe dixital nas que reitera, sempre coa forza evidente dos vínculos forma/cor/composición, a súa visión sobre o status non resolto do discurso da pintura. Óscar Raña propón ao espectador este enigma de forma críptica pero tamén locuaz”.