DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar o 5 de febreiro de 2021

'Expouniversitas' convida a alumnado e profesorado a presentar e valorizar os seus proxectos de innovación e investigación

Nesta edición combinará actividade presencial e virtual

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 28/09/2020

Cada ano a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle a celebración de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa. A edición deste curso académico, que terá lugar o 5 de febreiro de 2021, mesturará por primeira vez sesións presenciais e virtuais. Desde a súa organización convidan xa a profesorado e alumnado dos tres campus da UVigo a que na planificación que están a realizar deste cuadrimestre teñan en conta esta cita e se animen a presentar nela os seus traballos de innovación e investigación feitos nas aulas.  

“Atendendo á situación actual pero tamén porque nos parece positivo máis alá das circunstancias presentes, este ano haberá dúas modalidades. Coma os outros anos teremos unha modalidade presencial, que se desenvolverá pola mañá na facultade, e unha virtual pola tarde”, explica Pedro Membiela, membro do comité organizador da cita xunto ao profesorado do centro Isabel Mociño, Ángeles Conde, Manuel Vidal, Sara Vázquez e María Lorenzo. O nome da cita desglósase de modo que Expouniversitas pasará a denominar a sesión presencial e Forum de Innovación e Investigación Educativa a virtual. A existencia destas dúas modalidades, que as e os participantes poderán escoller en función das súas preferencias, dará segundo a organización maiores oportunidades para a participación de profesorado e alumnado de fóra de Ourense.

Punto de encontro

Na última edición deste evento, celebrada en xaneiro, presentáronse na Facultade de Educación e Traballo Social 43 traballos feitos por alumnado ou persoal docente e investigador dos tres campus da Universidade de Vigo e de diferentes áreas de coñecementos, desde proxectos desenvolvidos no marco de materias ata teses de doutoramento. Así, lembran os promotores deste foro, esta cita quere “ser un punto de encontro para o intercambio de experiencias e relacións entre todos os interesados de calquera área en calquera tipo de innovación e/ou investigación”. Entre os seus aspectos postivos, desde a súa  organización recalcan a importancia de citas coma esta “para difundir as innovacións e investigacións” e como “o intercambio axuda a mellorar o noso coñecemento e as nosas accións”. 

En Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa poden poden presentar traballos tanto alumnado, como profesorado como alumnado e profesorado conxuntamente. Ao igual que en anteriores edicións, desde a organización desta actividade subliñan como “agora, ao comezo do curso, é un bo momento para planificar a presentación de propostas a Expouniversitas 2021”, animando a alumnado e profesorado a non deixar nun caixón os traballos que realizan e a valorizalos expóndoos ante outros membros da comunidade universitaria. Os traballos que se presentan ao final dunha materia, engaden, poden presentar neste foro e enriquecerse coa súa exposición ante o público.

O prazo para enviar comunicacións, que poden ser individuais ou grupais, e inscribirse xa está aberto. Ao igual que en anteriores edicións, admítese calquera tipo de traballo sobre calquera temática dos máis variados ámbitos (interdisciplinar ou transversal, científico, tecnolóxico, humanístico, educativo, social, xurídico, económico-empresarial, de saúde ou artístico)”. Tamén se subliña desde a organización como o foro está aberto a todo tipo de traballo, como proxectos científicos ou tecnolóxicos, actividades, vídeos, relatos, poesías, cancións, banda deseñada, debuxos, etc. A inscrición, que é de balde, pódese facer ata o 24 de xaneiro de 2021, aceptándose inscricións ata cubrir o número de prazas dispoñibles.