DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social

Expouniversitas volve o 7 de febreiro para pór en valor os traballos académicos e investigadores da comunidade universitaria

O prazo para a presentación de propostas aínda está aberto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Ourense 14/01/2025

O Campus Remoto da Universidade de Vigo acollerá o día 7 de febreiro a celebración dunha nova edición de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa. A cita preséntase como un evento onde profesorado e alumnado, de maneira individual ou en grupo, pode presentar os seus traballos máis interesantes feitos no ámbito académico ou investigador.

Cada ano desde 2018, este foro convértese nun punto de encontro para o intercambio de experiencias e relacións entre os membros da comunidade universitaria interesados en calquera área de coñecemento e en calquera tipo de innovación e investigación. Aínda que aberto ás persoas interesadas, está especialmente dirixido aos membros da comunidade universitaria dos tres campus da UVigo interesados en pór en valor os seus traballos.

A organización desta cita, que se celebra só en formato virtual, está a cargo de profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, concretamente, de Pedro Membiela, Isabel Mociño, Sara Vázquez, Katherine Acosta, Ángel Manuel Vázquez e José Benito Vázquez.

Diversidade de propostas

Expouniversitas está aberta á presentación de traballos realizados por alumnado e persoal docente e investigador das diferentes titulacións e campus da Universidade de Vigo no marco de materias de grao, posgrao e doutoramento e de traballos fin de grao ou mestrado. Co obxectivo de animar ás persoas interesadas a participar, ben coa presentación de traballos ben como público, entre os beneficios de participar nesta actividade desde a súa organización salientan a importancia de valorizar o traballo académico e investigador que se fai na institución académica, que o alumnado adestre as súas capacidades de exposición en público e que o profesorado coñeza experiencias educativas interesantes levadas a cabo por outros compañeiros e compañeiras. Neste senso, destacan o retorno positivo que ten para as persoas asistentes tanto o feito de participar presentando traballos como coñecendo os que fan outros membros da comunidade universitaria.

O día 7, as e os inscritos exporán, de xeito individual ou en grupo e durante un tempo limitado, os seus traballos, desenvolvéndose o foro en horario de 16.00 a 18.00 h. Co prazo para a presentación de propostas aínda aberto, desde a organización da actividade contan con repetir a cifra das anteriores edicións, situada en arredor de 40 traballos de áreas temáticas moi diversas.