DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova decana marca como principal prioridade a modificación do título do grao

A Facultade de Bioloxía inicia unha nova etapa con Mercedes Gallardo á fronte

A súa candidatura recibiu 36 votos a favor, 4 en contra e 5 en branco

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/12/2019

“Feliz por todo o apoio recibido”. Así se amosa a nova decana da Facultade de Bioloxía, a profesora Mercedes Gallardo, tras recibir o apoio do 80% das persoas que este luns asistiron á Xunta de Facultade do seu centro para participar nas votacións a decano.  A súa candidatura recibiu 36 votos a favor, 4 en contra e 5 en branco. “Agora o que me toca é intentar facelo o mellor posible para responder a ese apoio que me acaban de dar”, salientou Gallardo, cabeza visible dun equipo do que tamén forman parte o ata agora decano, Jesús Míguez –no cargo desde setembro de 2012-; Fuencisla Mariño, vicedecana de Alumnado e Organización Docente, e Manuel Ángel Pombal, responsable da xestión das prácticas externas e a mobilidade, así como Emilio Gil, como secretario do centro.

Modificarase o plan de estudos do grao para incluír mencións e orientacións específicas

A modificación do título de Grao en Bioloxía para incluír orientacións que melloren a formación especializada dos egresados e egresadas será un dos principais obxectivos a conseguir nesta nova etapa. Neste sentido a xa nova decana explica que este proceso iniciouse hai uns meses a raíz da solicitude da Secretaría Xeral de Universidades en relación cos títulos repetidos do Sistema Universitario Galego. “Logo fíxose unha posible proposta de inclusión de mencións e orientacións, pero agora debe ser concretada cunha mellor definición dos cambios que se pretenden incluír no plan de estudos”, salientou Gallardo, quen considera que se debería aproveitar este proceso para redefinir as competencias do título, adaptándoas a eses itinerarios e as competencias profesionais que deben ter as tituladas e titulados. “En todo caso, é un proceso complexo no que os distintos colectivos do centro deben participar co fin de tomar as decisión máis idóneas”, explicou a decana.

Conscientes do feito de que en Galicia se están a implantar novas titulacións no ámbito das biociencias, tales como Biotecnoloxía –xa implantada en Santiago- e Bioquímica –de próxima implantación en Lugo-, e de que isto pode restrinxir a demanda da titulación do Grao en Bioloxía, o novo equipo directivo da facultade tratará de analizar con urxencias as consecuencias que isto pode ter en canto á captación de estudantes para o grao. “Aínda que os datos de matrícula deste curso son positivos, non debemos descoidar este tema se queremos ter os mellores futuros estudantes”, salientou Gallardo.

Consolidación da oferta de másters

Ao igual que na anterior etapa, liderada por Jesús Míguez, vaise a seguir apostando polos másteres que xa están en marcha no centro, consolidando a oferta e tratando de posicionalos da mellor maneira posible para que sexan competitivos e demandados polo alumnado.

En todo este proceso a nova responsable da facultade fai fincapé na necesidade de seguir traballando como ata o de agora dentro dos procedementos que establece o sistema de calidade do centro. “O feito de haber obtido a acreditacións institucional pode facilitarnos a xestión dos títulos, evitando ter que pasar polas auditorías externas de avaliación, pero iso tamén implica unha maior responsabilidade para a facultade á hora de facer o seguimento interno das titulacións e establecer as melloras que sexan necesarias”, recalcou a decana.

Máis materias en inglés

En relación coa internacionalización o novo equipo directivo da facultade estudiará a posible ampliación da oferta de materias impartidas en inglés, xa que consideran que a oferta actual, se ben está funcionando correctamente, é limitada á hora de atraer alumnado estranxeiro. “Pensamos que a medio prazo a iniciativa melloraría o posicionamento da nosa titulación na formación de estudantes do ámbito científico e podería facilitar acordos futuros con universidades estranxeiras para mellorar o intercambio de estudantes”, salientou a decana.

Outro aspecto que tamén queren mellorar nesta nova etapa é a participación do alumnado nos órganos de representación do centro (Xunta de Facultade, comisións,etc.), xa que nos últimos anos se viu diminuída a súa presenza, polo que consideran necesario a posta en marcha de accións máis intensas de concienciación entre o alumnado sobre a importancia que ten a súa participación nestes foros, así como as iniciativas que dende a Delegación de Alumnado se poidan activar en forma de actividades extraacadémicas.

Aínda sendo conscientes de que é un tema “complicado e de difícil xestión”, o equipo encabezado por Gallardo tratará tamén de analizar as necesidades estruturais que ten o Edificio de Ciencias Experimentais de cara a demandar melloras que faciliten o labor diario do PDI, do PAS e do alumnado. “Hai que analizar as necesidades de espazo para o PDI, especialmente naquelas áreas que son deficitarias debido á incorporación de novos docentes”, recalcou Gallardo.