DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo é a unica universidade española que participa no proxecto G-Book

Filólogas viguesas participan na creación da primeira bibliografía europea de libros infantís libres de estereotipos

Este xoves tivo lugar unha reunión en Baiona con especialistas de seis países europeos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 14/06/2018

Pór en marcha a primeira bibliografía europea de libros infantís de 3 a 5 e de 6 a 10 anos, “positiva” desde o punto de vista dos roles e modelos de xénero o, ou, o que é o mesmo, unha literatura aberta, plural, variada, sen estereotipos, baseada no respecto e na diversidade. Este é o obxectivo co que botou a andar o proxecto europeo Gender Identity: Child Readers and Library Collections, G-Book, liderado pola universidade italiana de Boloña e no que participa como única institución de ensino superior española a Universidade de Vigo. Participan socios de seis países e hoxe reuníronse no Monterreal Club de Iates de Baiona nunha xuntanza na que as/os representantes de cada país puxeron sobre a mesa as últimas achegas para a posta en marcha deste catálogo europeo. Foi tamén un dos primeiros actos que contou coa participación da nova vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación, María Isabel Doval.

“Estamos xa a punto de publicar o catálogo bibliográfico en liña que recolle as obras de literatura infantil e xuvenil dos últimos 20 anos dirixidas a estas franxas de idade que promoven a igualdade de xénero e rompen cos estereotipos tradicionais”, explica Veljka Ruzicka, catedrática do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e investigadora principal do grupo de investigación Literatura infantil angloxermana e a súa tradución, integrante español do proxecto xunto á Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil.

Literatura vs identidade de xénero

O proxecto nace, segundo indican os seus impulsores/as, do papel crucial que desempeña a literatura infantil na consolidación e evolución da identidade de xénero das nenas e dos nenos. “De feito moitos estudos veñen amosando como as xeracións máis novas tenden a interiorizar e facer seus os modelos e roles de xénero propostos nos libros que leen, modelos e roles que, pola contra, en moitos casos tenden a ser conservadores e a reforzar os estereotipos de xénero”, explica a responsable local da xuntanza, ao tempo que fai fincapé en que, por exemplo, as nenas acostuman ser doces, submisas, pasivas, fillas valentes e rebeldes, nais que coidan á familia mentres os pais traballan, etc. “Por outra parte, se ben é certo que unha produción literaria para nenos e nenas coñecedores de cuestións de xénero é cada vez máis frecuente, esta produción está desigualmente distribuída entre os distintos países europeos e, a miúdo, vese relegada a unha especie de “nicho”, sen chegar  á  maioría dos nenos e das nenas”, recalca Veljka Ruzicka.

Coleccións itinerantes multilingües , bibliografía en liña...

Na xuntanza celebrada hoxe en Baiona afondouse tamén na creación de dúas coleccións itinerantes multilingües con 60 libros, 30 para cada franxa de idade,  que circularán entre os distintos países socios e que versarán sobre os seguintes temas específicos de xénero: diversidade e inclusión, corpo e emoción. Así como, na posta en marcha da primeira páxina web multilingüe en liña, dispoñible nos diferentes idiomas dos países asociados, que albergará bibliografía e unha serie de materiais informativos e educativos relacionados coas cuestións de xénero.

Xunto a isto as persoas expertas participantes na reunión afondaron tamén na creación dun espazo reservado á bibliografía en seis bibliotecas públicas dos seis países socios, bibliografía adquirida grazas aos fondos do proxecto e que incrementará nestes bibliotecas o número de libros de igualdade de xénero. “Ademais, está previsto a realización de actividades complementarias paras nenos/as, docentes e familias vinculadas á bibliografía e organizadas por estas mesmas bibliotecas”, subliña a responsable do proxecto na Universidade de Vigo, ao que engade que tamén se prevé a participación en cada país socio de editoriais preocupadas pola identidade de xénero, ás que se ofrecerá unha selección de libros extraídos da bibliografía internacional para que consideren a relevancia da súa tradución. 

Socios de seis países europeos liderados desde Italia

G-Book é un dos 66 proxectos gañadores entre os preto de medio millar presentados na convocatoria Creative Europa. Involucra a seis socios europeos: o socio principal é o Centro MeTRa MeTRa (Centro di Studi interdisciplinari sulla Mediazione e la Traduzione a opera di e per Ragazze/i), da Universidade de Boloña (Italia). Os outros socios son: a Biblioteca Universitaria Livres au Trésor e o centro de investigación Pléiade da Universidad París 13 (Francia); Anilij (Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil)  e a Universidade de Vigo (España); o Centre for Children's Literature and Culture Studies (Dublin City University, Irlanda); a Biblioteca Pública Rexional Petko Rachev Slaveikov (Bulgaria) e a Biblioteka Sarajeva (Bosnia Herzegovina).