DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade levou a cabo un programa de exercicio terapéutico coa asociación Adicam 

Fisioterapia colabora na primeira participación dun grupo de galegas diagnosticadas con cancro de mama na Copa de España de Barco Dragón

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Pontevedra 22/06/2022

O embalse de Pontillón do Castro acollerá esta fin de semana a II Copa de España de Barco Dragón en distancia de 500 metros, na que, por primeira vez, competirá unha embarcación galega de mulleres diagnosticadas con cancro de mama. Concretamente, por usuarias da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam) que contaron coa colaboración, na preparación desta proba, da Facultade de Fisioterapia, que se encargou de realizar unha “valoración funcional” das participantes, co obxectivo “de poder adaptar a actividade ás limitacións funcionais” que poidan padecer, así como de desenvolver “un programa de exercicio terapéutico” baseado nesta modalidade deportiva, como explica a profesora Yoana González, responsable das unidades de fisioterapia da facultade.

A participación desta embarcación da modalidade BCS (Breast Cancer Survivors) da Copa de España foi anunciada este mércores no Concello de Pontevedra, nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o secretario da Federación Galega de Piragüismo, Félix Lamas; o presidente da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Óscar Ponte; a traballadora social de Adicam María Martínez, e as compoñentes desta embarcación, xunto á propia González. 

Adaptar a actividade ás súas características

Como lembra esta docente, Fisioterapia colabora desde hai 15 anos con Adicam, desenvolvendo “clases de exercicio terapéutico” baseadas en técnicas como o pilates, e desde hai tres meses comezaron a traballar con elas nun programa baseado no dragon boat, no marco da actividade que Adicam leva a cabo coa Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra. Este traballo, explica González, abrangueu en primeiro termo a realización “dunha valoración funcional” das participantes, que nalgúns casos “teñen certas limitacións funcionais” no brazo afectado pola extirpación dos ganglios linfáticos, "que poden facer que teñan que remar dun lado ou doutro”, ou que, no sentido contrario, buscaban precisamente “que mobilizasen o ombro”. Por outra banda, ademais do programa de exercicio levado a cabo con Adicam, a docente tamén acompañou ás integrantes desta embarcación BSC nas sesións de adestramento, “por si necesitaban algún tipo de apoio de fisioterapia para poder paliar” os efectos do adestramento nunha modalidade deportiva que, destaca, implica “que teñan que manter o equilibrio dentro da barca, o que é moi bo para traballar o seu control postural”, o que á súa vez é positivo para fortalecer o brazo e o ombro que puideran verse afectados.

“Cando pasamos por unha enfermidade, a práctica deportiva ten que adaptarse ao estado no que estamos. Hai que saber que podo facer, cunha certa prevención de non facerme dano, e quitar medo a dar ese paso...”, salientou González nesta presentación, na que lembrou que existen estudos científicos que avalan as melloras físicas e mentais dunha actividade como o barco dragón. “Nós o que facemos é axudarlles a que entren no mundo deportivo coas mellores condicións posibles”, salientou González que quixo tamén pór de relevo o “labor e implicación desta asociación e destas mulleres loitadoras”. 

Colaboración no concurso de patrullas da Brilat

Alén do seu traballo con Adicam, Fisioterapia tamén colabora este mércores, a través das súa unidades de fisioterapia, nunha nova edición do Concurso de Patrullas Tui-Santiago, que promove a Brilat. Baixo a supervisión de González e da tamén docente da facultade Alejandra Alonso, cinco estudantes da facultade encárganse ao longo desta xornada de prestar asistencia aos participantes nesta competición desde a base da brigada en Figueirido.