DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade celebrou tres décadas de traxectoria reunindo varios dos seus decanos e decanas

Fisioterapia conmemora 30 anos de servizo á sociedade

O centro deulle o nome do ex-decano Manuel Gutiérrez a unha das súas aulas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 14/05/2026

No antigo hospicio de Pontevedra botaban a andar, no curso 1995/1996, os primeiros estudos e o primeiro centro do ámbito de Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo. Fisioterapia iniciaba entón, coas primeiras clases da súa antiga diplomatura, unha traxectoria de 30 anos, que iniciou como escola universitaria, pasando a converterse en facultade no ano 2011. Tres décadas despois daquelas primeiras clases, a Facultade de Fisioterapia trazaba este xoves un percorrido pola súa historia, nun acto conmemorativo do seu 30 aniversario, que contou coa participación de varios dos seus directores, decanos e decanas ao longo desta etapa. 

Presidido polo reitor, Manuel Reigosa, este acto institucional contou coas intervencións da decana, Mercedes Soto; o director territorial en Pontevedra da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, César Pérez; o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da Consellería de Sanidade, Jorge García-Borregón, e o presidente do Consello Xeral de Colexios de Fisioterapias de España, Gustavo Paseiro. Tamén tomaron a palabra varias e varios dos docentes que se situaron á fronte do centro ao longo da súa historia, como Ramón Fernández, Manuel Gutiérrez, Gustavo Rodríguez e Eva María Lantarón, actual vicerreitora do campus. O acto completouse co descubrimento virtual da placa pola que a aula 4 da facultade pasa a ter o nome de Manuel Gutiérrez Nieto, quen foi director e decano entre 1997 e 2004 e entre 2007 e 2013.

De lembrar os primeiros pasos a mirar ao futuro

Completado coa actuación do grupo de zanfonas da aula de música tradicional do campus e coa presentación dunha ilustración conmemorativa deste 30 aniversario, o acto abriuse coa intervención de Ramón Fernández, director comisario responsable da posta en marcha dunha diplomatura e dunha escola que iniciou a súa andaina no antigo hospicio, trasladándose meses despois á Escola de Enxeñaría Forestal, onde permanecería ata a inauguración do actual edificio en 2001. Fernández Cervantes puxo en valor a colaboración da Universidade da Coruña na posta en marcha destes estudos, nun momento no que “o curso debía comezar en outubro e non dispuñamos de profesorado, edificio, instalacións nin equipamento”. De feito, lembrou, as primeiras prazas de profesorado da área de Fisioterapia resolvéronse semanas despois de que a diplomatura iniciase a súa actividade “nun patio cuberto por uralita do antigo hospicio”, para logo pór de relevo “a ilusión e colaboración” de docentes, alumnado e institución no impulso desta titulación.

Tras José María Suárez, o seguinte docente en situarse á fronte da Dirección foi Manuel Gutiérrez Nieto, quen puxo en valor “todo o que conseguimos ao longo destes 30 anos, que foi labor dun traballo en equipo”, dirixido a “garantir as máis altas cotas de calidade”, xa que “iso vai repercutir na sociedade”. Ao mesmo tempo, salientou tamén o “moito significado” que tiña para el o “recoñecemento ao traballo realizado” que supón outorgarlle o seu nome a unha aula do centro. Na idea de traballo en equipo de todo o persoal da facultade incideron tamén Gustavo Rodríguez Fuentes, quen salientou a necesidade de “seguir dando pasos adiante para manter o nivel que conseguimos alcanzar nestes 30 anos”, e Eva María Lantarón, quen puxo de relevo “o labor de transferencia a nivel social da facultade”. Este percorrido pola historia dun centro, que tamén tivo á fronte a Rafael Durán, completouse cun vídeo que lembraba aspectos como a adaptación, no curso 2009/2010, ao Espazo Europeo de Educación Superior, no que se implantaron os catro cursos do actual grao de xeito simultáneo, nunha iniciativa pioneira en España. Xa no curso 2022/2023 sumaría a este grao o Máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia e, no presente curso, o programa de doutoramento en Investigación Sanitaria.

Como un camiño marcado por “esforzo, aprendizaxe, erros e acertos e, sobre todo, polo compromiso coa sociedade", definiu a actual decana estes 30 anos de traxecetoria, nos que “medramos moito, fortalecemos a investigación e abrimos ás portas ao mundo, creando alianzas nacionais e internacionais”. Soto puxo de relevo o papel do estudantado, que cada curso “obríganos a mellorar e seguir avanzando” e o seu papel como profesionais “cunha maneira de traballar baseada no rigor, na empatía, no coidado e no agarimo”. Ao mesmo tempo, salientou esta conmemoración como “unha oportunidade para preguntarnos cara onde queremos ir”, pondo de relevo que a facultade debe responder “aos desafíos que afrontamos como sociedade”, como o envellecemento poboacional, o aumento das enfermidades crónicas, a saúde mental ou a transformación dixital da atención sanitaria. “Queremos seguir avanzando nesa dirección, apostando pola innovación, pola calidade e pola inclusión”.

Unha facultade que serve a Galicia

“Hoxe é un día non só de celebración, senón tamén de agradecemento”, salientou o reitor nesta conmemoración da traxectoria dunha facultade “que está servindo a Galicia, formando do mellor xeito aos fisioterapeutas galegos”. No seu derradeiro acto como reitor antes das eleccións deste venres, Reigosa definiu como un “éxito conxunto” estes 30 anos de traxectoria”, asentados nuns "alicerces moi fortes”, como uns egresados e egresadas "absolutamente capaces desde o punto de vista profesional" e un labor de I+D que “redunda en beneficio da vida das persoas”. O reitor expresou tamén o seu desexo que de o actual centro non sexa “o edificio final da facultade” e que, nun futuro "estean xuntas" Fisioterapia e a futura Facultade de Enfermaría, cuxa creación agarda poida ser aprobada nos próximos meses. Nese senso, amosouse “moi esperanzado” de que a integración da actual Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra na “facultade única” da UVigo contribúa “á colaboración entre os profesionais de Ciencias da Saúde” dos dous centros. 

Previamente, Pérez Ares enxalzou os “trinta anos de compromiso coa saúde e co servizo público” deste centro, que García-Borregón cualificou como “un referente formativo e humano”. Nesa mesma liña, Paseiro salientou que as facultades de Fisioterapia da UVigo e da UDC, “dúas das mellores” de España, fixeron posible que Galicia pasase de ter 170 fisioterapeutas en 1990 a case 4000 na actualidade. 

Mobilización en Belas Artes e eleccións á Reitoría

En declaracións aos medios de comunicación antes do inicio do acto, Reigosa referiuse ás mobilizacións convocadas polo alumnado de Belas Artes, subliñando que “calquera denuncia que nos chegue” por supostos casos de acoso sexual “trátase con absoluta confidencialidade, por unha banda, e, por outra, con moito rigor”. O reitor recalcou que “somos absolutamente rigorosos cos procedementos, que, por suposto, están baseados na presunción de inocencia”, o que fai que “as investigacións correspondentes son sempre segredas”. Nese senso, rexeitou opinar sobre “un caso concreto” trasladado, explicou, no mes de abril, xa que se trata dun procedemento do que “estase aínda recollendo información, e polo tanto non podemos dicir nada ao respecto”. Do mesmo xeito, Reigosa subliñou que “temos protocolos, temos sistemas de funcionamento e non imos permitir que a Universidade non sexa un espazo seguro para as mulleres”.

No referido á segunda volta das eleccións á Reitoría, Reigosa puxo en valor que a UVigo vaia contar cunha reitora por primeira vez na súa historia. “Xa era tempo de que a Universidade de Vigo se sumase á normalidade e se as mulleres son a metade da poboación, deberían ser a metade das reitoras”, salientou o reitor, que sostivo tamén que a esta segunda rolda concorren dúas candidatas “moi preparadas”.