DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este sábado arrinca a cuarta edición dun curso que cubriu de novo as súas prazas

Fisioterapia continúa achegando o uso terapéutico de pilates a estudantes e profesionais

De carácter práctico, afondará no uso clínico de diferentes exercicios

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 30/01/2020

A aposta das e os profesionais por promover unha recuperación activa dos seus pacientes é un dos factores que motiva o cada vez maior interese das e os fisioterapeutas polo uso terapéutico do pilates, unha práctica de actividade física que lles permite traballar aspectos como o aumento da flexibilidade e da forza muscular, a mellora do patrón respiratorio ante o esforzo e o movemento ou a coordinación, equilibrio e postura corporal. A demanda de maior formación neste eido constitúe de feito o motivo polo que a Facultade de Fisioterapia impulsou o curso complementario Pilates en mat para fisioterapeutas que, baixo a dirección do profesor da Gustavo Rodríguez, inicia este sábado a súa cuarta edición.

Unha formación que chegou a máis de cen profesionais

Impartido polo fisioterapeuta e profesor asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo Sebastián Jesús Aboal, este curso de 60 horas, que cubriu un ano máis as súas 14 prazas, desenvolverase entre o 1 de febreiro e o 1 de marzo, nas xornadas de sábado e domingo, nas instalacións do Centro Impact Fitness de Pontevedra. “A verdade é que un curso con gran demanda”, recoñece Rodríguez Fuentes, que incide en que o uso terapéutico do pilates é unha temática que suscita “moito interese” tanto entre o alumnado como entre os titulados e tituladas, “posto que houbo un  cambio na forma de entender a recuperación dos pacientes na última década, na que prima, se as condicións do paciente o permiten, unha recuperación activa”. De feito, tanto na edición que comeza esta fin de semana como nas tres anteriores, o curso completou as súas 14 prazas, de tal xeito que, ao seu remate, terá formado a máis de 50 fisioterapeutas, cifra á que hai que sumar os preto de 50 estudantes e profesionais que participaran previamente nas dúas edicións dos cursos básico e avanzado que precederon ao actual formato da actividade.

Apoiándose na evidencia científica

Dirixido tanto a estudantes de 2º, 3º e 4º curso do grao en Fisioterapia como a profesionais, trátase dunha actividade de carácter fundamentalmente práctico que tras uns contidos teóricos introdutorios sobre o método pilates, a prescrición de exercicios e os seus beneficios e contraindicacións, articúlase nunha serie de módulos que afondan en como levar a cabo diferentes exercicios de pilates en solo e súas adaptacións para o uso clínico. Como explica Rodríguez Fuentes, o curso “mantén o esquema” das edicións previas, coa diferencia, sinala, “de que hoxe podemos implantar o contido con maior evidencia científica sobre os usos terapéuticos do pilates e o exercicio” o que, engade, “permítenos ser moito máis selectivos e eficientes pautando movemento con fins terapéuticos”.

Nese senso, ao longo do taller iranse abordando diferentes exercicios, tanto básicos como avanzados, caracterizados estes últimos por un maior grao dificultade, motivada “polo número de elementos que debemos controlar e que aparecerán asociados, así como pola amplitude de movementos”, como sinala Aboal. O responsable de impartir este curso destaca así mesmo a importancia de que as e os profesionais aposten por “un tratamento activo na medida do posible”, o que fai do pilates “unha gran ferramenta para pautar exercicio aos nosos pacientes”, que á súa vez “tamén permite o traballo grupal”, o que contribúe a xerar unha maior adherencia por parte das e os pacientes cara a práctica de actividade física.