DUVI

Diario da Universidade de Vigo

44 novos titulados e tituladas festexaron este venres o fin dos seus estudos

Fisioterapia despide unha nova fornada de profesionais

A Escola de Enfermaría celebrou tamén o seu acto de graduación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 18/06/2018

A Facultade de Fisioterapia despediu na tarde deste venres 44 novos titulados e tituladas, 44 novos profesionais que recibiron o recoñecemento dos seus docentes e familias no acto celebrado na Escola de Enxeñaría Forestal. O profesor e exdecano do centro Manuel Gutiérrez, xubilado a finais do curso pasado, exerceu como padriño desta novena promoción de titulados e tituladas aos que o decano en funcións, Rafael Durán, lembroulles que “saír ao mundo profesional sempre é complicado”, pero tamén que o farán nunha profesión “na que practicamente non hai paro”, así como “que, no fondo, o imporante é facer o que a un lle gusta”. Nese mesmo senso, o decano en funcións lembrou aos novos graduados e graduadas que saen da facultade “cunha moi boa formación teórica e práctica”, recordando unha recente visita ao centro do presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia e ex-decano da facultade, Perfecto Pampín, “quen lles trasladou que estaba orgulloso de ter saído desta facultade e que eles deberían estalo tamén”.

Por outra banda, na tarde do venres, tamén a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade de Vigo, celebrou o acto de graduación da súa quinta promoción de graduadas e graduados. O acto, que se desenvolveu no Pazo Provincial, contou coas intervencións da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e do director da escola, Miguel Ángel Piñón, que recoñeceron o esforzo dos 38 novos titulados e tituladas, 28 mulleres e dez homes, representados neste acto pola intervención de Mariana Millán e pola última lección do curso, que a graduada Lucía Insua centrou no seu traballo de fin de grao, A enfermaría como potenciadora da resiliencia.