DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves presentou na Coruña o seu Anuario 2018

O Foro Económico advirte do “crecemento pero con precariedades” de Galicia

Os expertos destacan como España arrastra o maior déficit público da UE

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 14/06/2018

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, presentou este xoves na Coruña o seu Anuario 2018. Editado polo xornalista José Luis Gómez, o documento “afonda nos grandes asuntos económicos de Galicia e a súa contorna con achegas de profesores das tres universidades galegas". Nel ponse de manifesto como “hai crecemento pero con precariedades”.

A presentación no Club Financiero Atlántico da Coruña contou coa participación, entre outros, do presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Nieto; do seu director, Santiago Lago, e do catedrático Fernando González Laxe. O documento arranca cunha presentación a cargo de José Luis Gómez na que se analiza o crecemento “non se precariedades” da economía galega. Séguenlle sete artigos nos que se abordan temas como as políticas económicas no longo prazo; a produción e comercio na economía mundial; os desafíos para o Banco Central Europeo; a recuperación da economía portuguesa como clave tamén para a galega; o financiamento de empresas e economías domésticas; o papel da facenda autonómica e local e os retos e desafíos tralo pacto de Toledo.  

“A pesar dos progresos, que tamén se producen, España arrastra o maior déficit público da Unión Europea, a súa recadación fiscal é das máis baixas da zona euro e o investimento público está en mínimos históricos, ao non chegar ao 2% do PIB”, salienta o profesor Xosé Carlos Arias, catedrático da Universidade de Vigo, no seu artigo. No que atinxe ao contexto internacional, González Laxe, catedrático da Universidade da Coruña, salienta como as guerras comerciais non lles conveñen nin a EE UU nin a China xa que “os principais efectos das mesmas, reflectidas en incremento da inflación como en políticas fiscais, farían subir os tipos de interese, interrompendo abruptamente a recuperación e xerando un novo shock financeiro”.

Balance de 2017

O anuario remata cun balance económico do ano 2017 a cargo de González Laxe, José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago. Segundo recolle este balance, a economía galega presenta en 2017 “un ritmo de crecemento totalmente acompasado co estimado para a economía española, podendo cualificalos como positivos en termos macroeconómicos: por noveno trimestre consecutivo as taxas de crecemento interanuais do PIB en termos reais son superiores ou iguais ao 3%, e no último ano e medio mantense nun nivel similar ou lixeiramente por riba da media española”. Este bo comportamento, detallan os expertos, trasládase ao mercado de traballo onde por terceiro ano consecutivo Galicia presenta tanto un incremento da ocupación como unha redución do desemprego, especialmente significativa no caso do paro de longa duración.

“A demanda interna segue a ser o principal motor de crecemento da economía galega, producíndose este de xeito máis equilibrado que a media española. Entre os aspectos máis destacados da evolución do PIB cómpre mencionar o forte impulso do investimento fronte á ralentización do consumo final dos fogares ou o crecemento de todas as actividades produtivas, onde sobresae a evolución da industria manufactureira”, sinalan no seu balance de 2017 os expertos do Foro Económico de Galicia. Con todo, puntualizan, “este dinamismo ten de ser matizado tendo en conta, entre outros aspectos, unha certa desaceleración do PIB no segundo semestre do ano, así como por unha nova caída de poboación activa, nomeadamente entre as persoas de 25 a 34 anos, a elevada temporalidade ou o elevado peso relativo do paro de longa duración”.