DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este venres en Santiago de Compostela

O Foro Económico advirte do impacto das transformacións dixitais nas empresas e no emprego

No marco da actividade do seu grupo de traballo Galicia 2040

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Transferencia
DUVI Ourense 18/06/2021

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), reuniu este venres na xornada A Galicia Dixital de 2040 “a un nutrido grupo de expertos tecnolóxicos para dar resposta ás preguntas chave sobre o estado de dixitalización da economía galega”. Nela, os seus especialistas advertiron de que “nos próximos 20 anos con seguridade produciranse transformacións tecnolóxicas a unha escala maior do coñecido”.

Transición dixital

A cita celebrouse na sede do Consello Económico e Social de Galicia, en Santiago de Compostela, e estivo coordinada por Fernando Pérez, profesor da Universidade de Vigo. Na sesión, explican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, “debateuse sobre os efectos disrutivos que toda esta transformación dixital pode ter sobre a economía de Galicia, partindo da idea de que recaerá sobre o conxunto dela, pois non serán só os sectores máis avanzados ou tecnoloxicamente sofisticados os implicados polo cambio”. Así, advertiron, “a transición dixital, que actuará imbricándose profundamente con outras mutacións, como a medio ambiental, impactará con forza na dinámica dos sectores económicos, o comportamento das empresas e o futuro do emprego”.

A xornada comezou cunha intervención de Álvaro Gómez, consultor e profesor de escolas de negocio, sobre os retos que expón a economía dixital e a capacidade de Galicia para afrontalos. De seguido interveu Luís Pérez, director xeral de Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), que abordou os desafíos dixitais inmediatos aos que deberá facer fronte a comunidade autónoma. Tras estes dous relatorios tivo lugar unha mesa redonda na que participaron outros tres expertos: Javier Taibo, xestor de empresas, Ramón Doallo, catedrático da Universidade da Coruña, e Antía Fernández, directora de Sistemas Intelixentes de Gradiant.

Pensando a Galicia de 2040

Esta actividade enmárcase no grupo de traballo do Galicia 2040, do Foro Económico Galicia 2040, que ten como un dos seus principais obxectivos o de proxectar distintos escenarios posibles para os cinco eixos fundamentais para o cambio nas vindeiras décadas en Galicia: demografía, procesos de urbanización, retos medio ambientais, contexto xeoestratéxico e dixitalización. O grupo iniciou a súa andaina no ano 2020 e xa ten presentado ata o momento documentos sobre demografía, sobre as dinámicas de envellecemento e sobre a xestión da sanidade pública. O equipo está dirixido por Xosé Carlos Arias (Universidade de Vigo), María Cadaval (Universidade de Santiago de Compostela) e Domingo Docampo (Universidade de Vigo) e conta con José Francisco Armesto (Foro Económico de Galicia) como secretario técnico.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesorado das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica, agrupando a un total de máis de 60 persoas “referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega”.