DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estes hai que sumar os recollidos en papel nos propios postos das empresas

O Foro Tecnolóxico de Emprego recolle máis de medio milleiro de currículos en formato dixital

A clausura contou coa participación dos tres directores das escolas e a vicerreitora de Comunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 06/03/2020

O Foro Tecnolóxico de Emprego recolleu en apenas tres días máis de medio milleiro de currículos en formato dixital, unha cifra a que hai que sumar os documentos recollidos en papel nos propios postos das empresas e os daquelas firmas que teñen un formato propio de entrega e recollida de documentación. “A posibilidade de entregar os currículos dixitalmente foi un éxito total e as empresas están encantadas, por unha banda conseguimos reducir papel e, pola outra, tamén melloramos todas as cuestións relacionadas coa protección de datos”, explicaba intres antes da clausura a coordinadora desta edición, Candela Janeiro, estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, principal cabeza visible dun equipo de organización composto por 65 estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo.

Ilusión e profesionalidade

A clausura do eventou contou coa participación, ademais da propia coordinadora do foro, da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e dos tres directores das escolas: Elena Alonso, de Enxeñaría de Minas e Enerxía;  Juan Pardo, de Enxeñería Industrial, e Íñigo Cuíñas, de Enxeñaría de Telecomunicación. Todos felicitaron á organización e aproveitaron tamén para agradecer ás empresas a súa participación nun evento organizado por e para o alumnado. “Estes días tivemos a ocasión de compartir impresións cos responsables das diferentes  firmas participantes e todo me convida ao optimismo, tanto polas diferentes iniciativas que se están a pór en marcha, como pola comprobación de que estamos a formar unha excelente canteira de profesionais que estou seguro de que achegará un enorme talento ao tecido produtivo da nosa comunidade”, explicou o director da Escola de Enxeñaría Industrial, Juan Pardo.

Pola súa banda, Íñigo Cuiñas e Elena Alonso fixeron fincapé na ilusión e profesionalidade do equipo de organización, “todo un orgullo para nós”. Ambos fixeron fincapé na importancia da formación que se dá no ámbito universitario con respecto a outros niveis formativos, salientando a capacidade dos titulados universitarios para ser proactivos, para propor as súas propias ideas e iniciativas. A maiores, Elena Alonso, quixo tamén aproveitar a celebración do Día Internacional da Muller para trasladarlle confianza ás futuras enxeñeiras para que dean o paso ao mundo laboral “con seguridade, tranquilidade e normalidade”.

As actividades de recrutamento rápido volveron ser un éxito

“As empresas marchan contentísimas tanto coa organización como co funcionamento do evento”, recalcou a coordinadora. Entre as actividades con máis éxito de público destacaron unha conferencia impartida pola empresa Norvento sobre enerxías renovables e un obradoiro que impartiu o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG, empregando xogos de roles. “Ademais, a actividade de speed recruiting, que fora unha das novidades da anterior edición, volveu ser un exitazo”, recalcou Janeiro, ao que engadiu que todos os comentarios que lle chegaron desde as empresas con respecto a este tema foron moi positivos, xa que “lles permite coñecer a moitos máis estudantes e que, ademais, as persoas que participan nestas actividades están especialmente interesadas”.

Desde o sector empresarial, os profesionais que estiveron á fronte dos diferentes postos tamén se amosaron moi satisfeitos cos resultados acadados, xa que a afluencia de público foi constante ao longo dos tres días que durou o foro. Moitos aproveitaron para entregar en man o seu currículo, outros simplemente para facerse unha idea máis concreta do tipo de tarefas das que se encargan, outros para interesarse polo tipo de ofertas laborais que habitúan facer... Ademais, segundo salientaron desde a organización, nesta edición participaron tamén bastante alumnos e alumnas dos primeiros cursos que aproveitaron para irse informando e poder así ir vendo como deben enfocar a titulación, tanto á hora de elixir ás materias optativas como, por exemplo, de cara a escoller unha temática para os seus traballos fin de grao.

Postos de empresas, talleres, conferencias, mesas redondas…

En total, ao longo dos tres días que durou o foro desenvolvéronse diferentes actividades, dende unha feira con postos de empresas instalados no vestíbulo da EE de Minas e Enxería, onde tivo lugar a clausura, pasando por talleres, conferencias, mesas redondas e obradoiros prácticos sobre dinámicas de grupo, personal branding, xestión de habilidades, claves para a inserción laboral en diferentes sectores, responsabilidade empresarial ou tamén con presentacións de empresas ou os avances e retos de diferentes sectores tecnolóxicos. En total participaron arredor de 40 firmas de diferentes eidos, como Optare, Deloitte, Brainport, Cortizo, os diferentes colexios profesionais, Indra, Televés, R, Altia, Pescanova ou Finsa, entre outras, son xa veteranas no foro, e a elas sumáronse novas incorporacións como  o grupo Oesía, GBTec, Egatel ou PWC.