DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acolle a exposición ‘Becoming Consciousness’, de David Peetermans

Fotografías de Xapón, EEUU e Pontevedra que retratan a busca da identidade propia 

A través de 32 de imaxes, a mostra presenta unha serie de "miradas sobre o mundo"

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 31/10/2019

“A miña relación coa fotografía e a miña vida persoal van moi enlazadas, foi grazas á fotografía como me din conta de quen son”, sostén David Peetermans, que na noite deste xoves inauguraba na Sala X a súa primeira exposición individual, Becoming Consciousness (volvendo á conciencia). 32 fotografías que tomou durante o ano que dedicou a percorrer os Estados Unidos, nunha estadía no Xapón ou nos anos nos que viviu en Galicia integran a mostra que trouxo a este fotógrafo nacido en Holanda de volta a Pontevedra, cidade á que no seu día trasladouse para estudar na Facultade de Belas Artes.

Nacida das conversas sobre fotografía que, a través de internet, Peetermans mantivo coa coordinadora da sala de exposicións do campus, Silvia García, a exposición propón “miradas sobre o mundo, coas que identificarnos, ou non”, como salienta esta docente. “As fotografías falan da maneira na que nos relacionamos co mundo, da mirada sobre as persoas”, engadiu García. 

Imaxes dun percorrido xeográfico e vital

“Foi precisamente a través do meu traballo coa fotografía como me din conta de que todo o que cría que era, simplemente eran conceptos, e foi tamén grazas á fotografía como acabei atopando o meu verdadeiro eu, a miña esencia”, salienta Peetermans, un fotógrafo residente en Francia, nacido en Holanda, que pasou a maior parte da súa infancia e a súa adolescencia nos Estados Unidos e viviu posteriormente 18 anos en Galicia. De feito, o protagonista desta exposición, que este mércores impartiu na facultade unha das conferencias do ciclo Nas marxes, salienta “que é unha gozada realmente que a miña primeira exposición sexa aquí”. Non en van, foi en Pontevedra onde descubriu o libro The Americans, de Robert Frank, “unha obra coa que me identifiquei moito e que espertou en min a necesidade de crear”. Nese senso, Peetermans salienta a obra do fotógrafo americano como un dos “momentos transcendentes” que lle levaron a mergullarse na fotografía. O outro, lembra, foi o falecemento de seu pai, “do que herdei a súa cámara”, motivo polo Becoming Consciousness preséntase precisamente cunha foto de seu pai a entrada da Sala X.

A partires de aí, a exposición presenta 32 imaxes do seu percorrido vital e profesional, xunto cunha proxección en vídeo doutras 50 fotografías. Por unha banda, Peetermans presenta unha serie de imaxes recuperadas da súa etapa en Pontevedra, xunto con outra serie xurdida dunha viaxe a Xapón, motivada polo seu interese polo fotógrafo Daidō Moriyama. “Influíume moito na forma de fotografar polo que fume alí a intentar entender o que el vía”, salienta o protagonista desta exposición, que se completa, na parede central, cunha serie de imaxes extraídas do percorrido que, ao longo dun ano, realizou polos Estados Unidos. “Vivín alí case toda a miña infancia e gradueime alí, pero cando me fun non me sentía americano”, recoñece Peetermans, que nese proceso de busca da identidade propia retornou a Norte América. “Metinme un ano nun coche e viaxei por todo o país, fotografando”, apunta este autor, que defende esta disciplina como “unha cuestión de observación”, como un proceso no que “tes case que sentir a esencia da outra persoa, daquela á que estás fotografando”.

Exposición de obras do alumnado

Belas Artes tamén acolle, na tarde deste xoves, a exposición AdmirArte, unha mostra promovida, no marco dun traballo académico, polas estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Sophie Currás, Giovanna Guerra e Noelia Chantrero. As obras de 15 estudantes da facultade, aos e ás que propuxeron que presentasen obras relacionadas co “medo e a escuridade”, coincidindo coa celebración na facultade do Samagosto que promove nesta xornada a Delegación de Estudantes, pode visitarse só ao longo desta tarde, en horario de 16.00 a 20.00 horas, no segundo andar da facultade.

No marco dun traballo para unha materia, as alumnas promotoras desta mostra traballan tamén na organización dun taller para nenos e nenas, que proxectan levar a cabo coa colaboración do alumnado de Belas Artes e con materiais doados nas caixas que foron colocando en diferentes facultades e establecementos.