DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sexta edición deste congreso internacional terá lugar do 30 de setembro ao 2 de outubro

‘Fugas e Interferencias’ recupera a presencialidade para combater o “silencio” arredor da arte da acción

O seu programa combina conferencias, mesas de debate e performances

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Estudantado
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/09/2021

Despois de que a covid-19 obrigase o pasado ano a limitar a súa quinta edición á publicación dun libro de comunicacións, o congreso internacional sobre performance Fugas e Interferencias retorna ao seu formato presencial neste 2021. Entre o 30 de setembro e o 2 de outubro, a Vicerreitoría do campus e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) serán as sedes do único congreso académico centrado na arte de acción que se desenvolve en España, que combina no seu programa conferencias, mesas de presentación de comunicacións e performances. “A programación cubre un amplo espectro de intereses e aproximacións á arte de acción, que é, precisamente, un dos nosos obxectivos fundamentais: crear unha masa crítica e de reflexión arredor da performance que poida cubrir o silencio que se vén producindo durante anos no noso contexto académico e artístico”, salienta o profesor da Facultade de Belas Artes, Carlos Tejo, director, xunto á investigadora e crítica de arrte Marta Pol Rigau, dun foro académico no que presentarán os seus estudos máis dunha vintena de investigadores e investigadoras de universidades de España, Portugal e México. 

Organizado polo grupo de investigación PE4 Imaxes e Contextos, coa colaboración do CGAC e da Vicerreitoría do campus, Fugas e Interferencias recupera nesta edición “a presencialidade ao 100%”, como salienta Tejo, que lembra que a propia presenza “é un asunto vertebral da teoría da performance”, o que levou a diversos especialistas a reflexionar “sobre o que se perde e gaña en cada unha das modalidades, presencial ou diferida”. Nese senso, afondar desde unha perspectiva académica e con “enfoques poliédricos” nesta disciplina é o obxectivo dun congreso internacional que recibiu “unha resposta moi satisfactoria” por parte dos investigadores e investigadoras, o que permitiu articular “unha programación cun alto nivel de calidade”.

Catro eixos de reflexión

A sexta edición de Fugas e Interferencias arrancará na mañá do xoves 30 na sede da Vicerreitoría e tras o acto inaugural acollerá a primeira das seis mesas de presentación de investigacións programadas, articuladas en torno aos catro eixos de análise propostos polo comité científico. As “interseccións” da arte de acción con outras disciplinas será nese senso o eixo tanto da primeira das mesas como da que, na tarde do propio xoves, terá lugar no CGAC, onde as e os participantes serán recibidos polo seu director, Santiago Olmo. Neste espazo, o congreso continuará nas xornadas de venres e sábado, con catro novas mesas centradas tanto nesas interseccións, como na análise da arte de acción desde unha perspectiva de xénero e da súa relación coa arte e teoría feministas ou queer, no comisariado de proxectos de performance e na reflexión teórica arredor desta disciplina.

Un total de 14 estudos, que serán incluídos no libro de actas do congreso, presentaranse nestas sesións, complementadas por dúas conferencias plenarias. A primeira, o xoves 30, correrá a cargo de Jaime Vallaure, “un dos artistas claves da práctica reflexiva e crítica da arte de acción”, de forma individual e como integrante do grupo Los Torreznos, como destaca Marta Pol. O sábado 2 terá lugar a conferencia Despariciones y encarnaciones: la performance como dispositivo para hacer aparecer, a cargo de Maite Garbayo, “unha reputada investigadora sobre estudos de xénero e performance”, salienta a codirectora do congreso.

Da reflexión á acción

Ao igual que en anteriores edicións, este foro académico complétase cun programa de performances, como Abstinencia, a proposta que as estudantes do grao en Belas Artes Andrea Dunia Díaz e Xiana Santiago Couce realizarán o xoves 30 ante a Casa das Campás. “Paréceme moi interesante e necesario que o congreso sirva de plataforma de difusión de traballos de estudantes, e máis na área da performance que adoece de espazos para o seu desenvolvemento e exhibición”, salienta Tejo, que incide tamén no positivo de que o estudantado desenvolva accións no espazo público da cidade de cara a “reforzar os vínculos da Universidade de Vigo co tecido social de Pontevedra”. 

Por outra banda, a estrutura do congreso buscou, “desde os seus inicios, establecer un diálogo entre a reflexión teórica sobre a compoñente teórica e práctica da arte de acción” coa presentación de accións de “artistas significativos de ámbito estatal”, como salienta Pol Rigau. Con ese obxectivo, o CGAC acollerá na tarde do sábado as performances Unidad de consonancia instrumental, de María Marticorena, e Sonallas, de Mónica Dura, completadas cun diálogo coas artistas.