DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A convocatoria comprende bolsas para seis estudantes e está aberta ata o 10 de marzo

A Fundación Carolina axudará a estudantes iberoamericanos a cursar mestrados na UVigo

Nos másters en Menores en situación de desprotección, Ciencia e tecnoloxía alimentaria e Mecatrónica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 17/02/2020

Ao abeiro do acordo de colaboración entre a Fundación Carolina e a Universidade de Vigo, ambas institucións veñen de abrir unha convocatoria de bolsas de mobilidade internacional para estudos de mestrado. O obxecto destas axudas é que estudantes de países de América Latina, membros da Comunidad Iberoamericana de Naciones e Portugal poidan cursar na UVigo os seus estudos de mestrado. En concreto ofértanse dúas bolsas para o Máster en Menores en situación de desprotección e conflito social, outras dúas para o Máster en ciencia e tecnoloxía alimentaria e ambiental e, finalmente, outras dúas para o de Mecatrónica. 

A contía máxima de cada bolsa será 550 € destinados a compensar unha parte do prezo da matrícula e o prazo de presentación das solicitudes está aberto ata o 10 de marzo de 2020. As persoas solicitantes deberán cubrir o formulario electrónico a través da web www.fundacioncarolina.es e achegar a documentación que se lle esixe na convocatoria da fundación.

Criterios de valoración

Para obter unha destas seis axudas, o alumnado deberá estar en posesión do título de licenciatura ou equivalente que permita o acceso aos estudos do mestrado. No caso do Máster en Menores en situación de desprotección e conflito social, a comisión avaliadora terá en conta a nota media do expediente académico ata 5 puntos e o currículo ata outros 5 puntos, valorando a experiencia profesional previa na materia do mestrado e en contidos afíns.

No caso do Máster en ciencia e tecnoloxía alimentaria e ambiental non se establecen probas específicas nin condicións especiais de acceso, dada a natureza multidisciplinar que caracteriza as actividades de I+D en no campo da agroalimentación e o medio ambiente. Como criterio de acceso valorarase a cualificación promedio do expediente académico e, no caso de igualdade de puntos, terase en conta a idoneidade dos estudos previos, tendo preferencia as e os graduados e enxeñeiros dos campos científicos (Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais, Química, Bioloxía e Ciencias do Mar), tecnolóxicos (Enxeñería Agrícola, Química e Industrial) e Ciencias da saúde (nutrición humana e dietética, farmacia, veterinaria e medicina).

Finalmente, para obter unha das dúas bolsas para o Máster Universitario en Mecatrónica é preciso contar cun título de enxeñeiro industrial, enxeñeiro en Automática e Electrónica Industrial, enxeñeiro técnico industrial ou outras titulacións relacionadas, se, a criterio da Comisión Académica, acreditan superar un número de créditos equivalente a algunha das anteriores titulacións nos eidos da Automática, Mecánica, Electrónica e Informática así como os Fundamentos Físicos (Electricidade e Mecánica) e Fundamentos Matemáticos. Para avaliar as propostas das e dos candidatos, valorarase a titulación previa ata un máximo de 40 puntos; o expediente académico ata 20 puntos; o expediente profesional no ámbito da mecatrónica ata 30 puntos e outros méritos poden sumar ata 5 puntos, tantos como a entrevista persoal.